1 de xuño de 2022

O ROSAL

Verán con máis que música coa Agrupación Musical do Rosal  

Xa está aberta a inscrición para participar en xullo nas actividades para nenos e nenas a partir de 7 anos propostas pola Agrupación  


A alcaldesa do Rosal con membros da Agrupación Musical do Rosal, na presentación da programación de actividades de verán
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A Agrupación Musical do Rosal prepara en colaboración co Concello un verán cheo de música e moito máis para rapaces e rapazas a partir de 7 anos. A programación contará con clases colectivas, mestres convidados, percusión corporal e master class coas que ensinar e entreter a nenos e nenas durante a época estival. “Dende o Concello continuamos colaborando con todas as entidade rosaleiras para ampliar o máximo posible a oferta lúdica e de lecer para a nosa infancia, unha forma tamén de axudar ás familias a conciliar a vida persoal e laboral durante os meses de vacacións”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.




 Do 5 ao 29 de xullo, a Agrupación Musical do Rosal programará cos nenos e nenas actividades na natureza, xogos tradicionais, buscas do tesouro, xogos de auga, manualidades, contacontos, obradoiros ou xincanas. Ademais, os e as participantes tamén aprenderán algunhas nocións de cociña, participarán en rutas, gozarán de proxeccións de cine, continuarán aprendendo inglés e desfrutarán do deporte e da canoa. As actividades serán de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas.

 As persoas interesadas poderán participar por quendas ou o mes completo, en función do que variará o prezo. A Agrupación Musical do Rosal xa ten aberto o prazo de inscrición e pode solicitarse máis información chamando ao 986 626 311 ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 609 866 792.

Ningún comentario:

Publicar un comentario