3 de xuño de 2022

NIGRÁN

Maica Larriba subliña o compromiso verde do Goberno e anuncia unha axuda do MITECO de 400.000 euros para a CEMMA 

· A subdelegada visitou en Nigrán o centro da ONG

· A achega irá destinada ao reforzo e consolidación da Rede de Varamentos de Galicia que xestiona esta entidade  


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, nun momento da súa visita ao centro que ten en Nigrán a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA)

Foto: S.de G.

Infogauda / Nigrán 

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou o compromiso do Executivo “cun futuro verde para avanzar cara unha a sociedade máis xusta, máis equilibrada e máis sostible”. A subdelegada realizou estas declaracións no transcurso dunha visita na compaña do alcalde, Juan A. González,  ao centro que ten en Nigrán a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente que se conmemora o próximo domingo, día 5 de xuño.  

 Maica Larriba puxo como exemplo da “acción do Goberno par converter os recursos económicos en proxectos con vida que favorezan a nosa biodiversidade” a axuda de 400.000 euros que o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Fundación Biodiversidad vén de concederlle á ONG para o reforzo e consolidación da Rede de Varamentos de Galicia, que xestiona esta entidade. “Trátase”, explicou a subdelegada, “do proxecto mellor valorado no marco desta convocatoria financiada con 6,9 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación e, polo tanto, foi o que recibiu unha maior contía económica entre todos os presentados nas 10 comunidades autónomas con costa, o que dá conta do magnífico labor que desenvolven”.  

 A CEMMA é a institución responsable da asistencia aos varamentos en Galicia. Asiste uns 265 casos anuais, aínda que hai anos como o 2021 no que a cifra ascendeu ata os 400. No 20% dos varametos o animal afectado está vivo. En Galicia un 35% dos cetáceos que aparecen varados presentan indicios de ter morto capturados accidentalmente en artes de pesca. Esta cifra pode subir nalgunas especies concretas ata o 50%, como é o caso da tartaruga de coiro.  

 A subdelegada do Goberno foi recibida polo biólogo da coordinadora, Alfredo López, e por outros membros do equipo con quen coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve a Cemma dende comezos da década dos 90. Como indicou, “o equipo da Coordinadora leva moitos anos xogando un papel fundamental na protección da biodiversidade mariña, na conservación dos nosos cetáceos e na divulgación das súas problemáticas, entre as que se atopa o rescate de exemplares ou a súa convivencia coa actividade pesqueira”.  

 Precisamente, Maica Larriba, puido comprobar o procedemento de recuperación dunha tartaruga común (Caretta caretta) ingresada desde hai un mes nas instalacións da ONG. Foi atopada por un barco preto da Illa de Ons en estado de pasividade e aparentemente morta. O animal foise recuperando e durante varias semanas defecou plásticos, tal e como lle sucede a todos os exemplares desta especie que rescata a Cemma. A tartaruga, xa completamente recuperada, será devolta ao seu hábitat no día de mañá preto de da zona onde foi rescatada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario