A CIG convoca folga nos centros de chamadas este luns 13 de xuño por un convenio digno
Con motivo do cuarto día de paro, a central concentrarase en Vigo, Sarria e A Coruña. Na cidade olívica farao diante de Bosch para rexeitar o ERE que afectará a 148 traballadores/as
Infogauda / Galiza
Ante o que dende a central sindical cualifican de "inmobilismo da patronal", a CIG ten convocada unha nova xornada de folga para o luns 13 de xuño nos centros de chamadas "en demanda dun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais no sector". Con motivo do paro (o cuarto que se convoca en Galiza no sector), a central nacionalista vai realizar as seguintes concentracións:
• A Coruña, ás 11:30h, no Obelisco.
• Sarria, ás 11:30h, diante da empresa Inelcom (rúa Calvo Sotelo 212).
• Vigo, ás 11:30h, diante da empresa Bosch (rúa Barxa do Covelo s/n).
A representación da CIG nos centros de chamadas denuncia que tras máis de dous anos de negociacións e cun IPC desbocado, a patronal insiste na súa irrisoria proposta de incremento salarial "que non chega sequera para garantir o mantemento do noso xa minguado poder adquisitivo".
"Ademais, a patronal tamén quere meter man nas condicións actualmente recollidas no convenio (que é de ámbito estatal), afondando na desregulación da xornada ao eliminar o tope máximo semanal de 39 horas e poder distribuír ao seu antollo a xornada máxima anual, establecida nas 1.764 horas", indican desde a CIG.
"Mais a avaricia patronal non queda aí, pois tamén quere recortar os beneficios sociais reducindo o complemento de IT e eliminalo nos primeiros tres días, limitar o pago do complemento de vacacións, eliminar as horas médicas, e limitar o uso da excedencia especial.
Fronte a esta proposta de miseria que ofrece a patronal", a CIG reclama "un convenio que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a profesionalidade do persoal, rachando con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción."
Por iso, anima a todas as traballadoras e traballadores a secundar esta nova xornada de folga e participar nas mobilizacións que se convoquen "porque só a través da loita e dando unha resposta contundente conseguiremos un convenio digno e con dereitos".
A CIG rexeita o ERE de Bosch en Vigo
A empresa Bosch vén de presentar a súa intención de aplicar un ERE extintivo a 148 traballadores/as do centro de chamadas que ten na cidade de Vigo, o que suporía a destrución de 1 de cada 10 postos de traballo. A causa esgrimida é a perda do servizo de Helpdesk de Vodafone.
A sección sindical da CIG rexeita este expediente extintivo que cualifica de novo ataque ao persoal da empresa despois de ter sufrido dende o ano 2020 catro ERTE consecutivos e un proceso de modificación substancial que provocou a extinción de varios postos de traballo.
Ademais do anterior, Bosch efectúa continuos despedimentos por baixo rendemento, nuns tempos en que conseguir os desmesurados obxectivos de vendas é moi difícil, primeiro polas circunstancias económicas derivadas da pandemia e actualmente polo alto incremento da carestía da vida.
Desde a sección sindical culpan á empresa de non ser capaz de manter estes postos de traballo nin de ofrecer alternativas para non botar a xente á rúa, sobre todo cando estamos falando de persoas que levan moitos anos na empresa e traballaban nunha campaña que chegou a empregar a máis de 500 traballadores/as.
Ademais, denuncian que Vodafone tenta maximizar beneficios a costa dos dereitos laborais, deslocalizando este servizo a terceiros países -como Portugal, Perú e Colombia- con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo estatal dos centros de chamadas.
A CIG alerta de que se trata dunha deslocalización de servizos que non se producía dende había anos neste sector na cidade de Vigo. Temen que este caso sexa un primeiro síntoma dun repunte deslocalizador, principalmente por parte de compañías tan voraces como Vodafone, que non só significa a destrución masiva de postos de traballo, senón tamén o traslado de datos de milleiros de persoas a países que non están suxeitos á normativa europea de protección de datos.
A central nacionalista xa está a realizar diversos contactos a nivel institucional, tanto coa Xunta de Galiza como cos grupos parlamentares para que medien neste proceso, tendo en conta que a administración galega ten importantes contratos públicos, de importes millonarios, con Vodafone.
Ademais, anuncian mobilizacións en contra desta nova destrución de emprego, nunha empresa que prescinde de persoal con moitos anos de formación e experiencia a pesar de que adoita alegar dificultades para efectuar novas contratacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario