28 de xuño de 2022

DEPORTES

BALONMÁN

O Atlético Guardés renova o seu acordo de filialidad co Cañiza 

Ambos os dous clubs selaron a prolongación da súa vinculación a través dos seus presidentes, Jesús López e Marcos Estévez 

Os termos son os mesmos que a tempada pasada e circunscríbense aos primeiros equipos das entidades 


As xuntas directivas do Mecalia Atlético Guardés e do Saeplast Oliveira&Faro Cañiza, veñen de selar a renovación do acordo de filialidade 
Foto: M.A.G.


Redacción / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés e o Saeplast Oliveira&Faro Cañiza continuarán da man a próxima tempada. Así o acordaron as súas xuntas directivas, que veñen de selar a renovación do acordo de filialidade asinado o verán pasado a través dos seus respectivos presidentes, Jesús López e Marcos Estévez. O devandito trato contemplaba a posibilidade de prorrogarse se os clubs estaban de acordo. E así foi. A relación continuará na tempada 2022/23 e, novamente, poderá ser estendida o verán que vén se os protagonistas así o desexan.  

 Desta forma, o equipo da Paradanta, que compite na División de Honra Prata, seguirá exercendo como filial do Atlético Guardés. A efectos prácticos, esta situación permite á entidade do Baixo Miño ceder as xogadoras que considere ao Cañiza baixo calquera circunstancia e durante o período de tempo que estime necesario. A fórmula pode resultar idónea para as xuvenís que dean o salto a sénior e poidan necesitar unha rodaxe intermedia nunha categoría inferior á liga Guerreiras Iberdrola.  

 Por outra banda, o conxunto de A Guarda poderá dispoñer das xogadoras sub-23 da escuadra cañicense. Se Abel González necesitase completar unha convocatoria para cubrir baixas ou, simplemente, gústelle algunha das novas e talentosas xogadoras do colectivo da Paradanta, pode citalas para calquera encontro que estime oportuno.   

 En todo caso, o acordo é moi proveitoso para ambas as entidades, que poderán beneficiarse así das súas sinerxias recíprocas. E, por extensión, para o balonmán galego, que atopa deste xeito novas vías de crecemento grazas á colaboración entre Mecalia Atlético Guardés e Saeplast Oliveira&Faro Cañiza. Ambas as dúas entidades deportivas están encantadas de continuar xuntas un ano máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario