17 de xuño de 2022

CULTURA

O XURADO DE NOVOS VALORES REALIZA UNHA GRAN CRIBA E APENAS SELECCIONA PARA A EXPOSICIÓN DESTE ANO 17 OBRAS DAS 36 PRESENTADAS AO CERTAME 

O Museo de Pontevedra aumenta a esixencia de calidade das propostas lembrando que outorga as bolsas artísticas con maior dotación económica de Galiza 


Xurado do certame ‘Novos Valores’ 
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  O xurado do certame ‘Novos Valores’ vén de reunirse para valorar as pezas aspirantes desta edición e xa realizou unha primeira grande criba: apenas elixiu 17 das 36 obras presentadas cando nesta primeira fase podería ter ‘salvado’ ata 25. Esas creacións incluiranse na habitual exposición do concurso e de entre elas escolleranse os catro premios principais.

 A decisión de restrinxir o número das e dos aspirantes vén dada pola intención do Museo de poñer en valor os premios de Novos Valores, esixindo unha maior calidade ás propostas dado que a institución concede as bolsas con maior dotación económica de toda Galiza - 7.500 euros cada unha- para ampliar estudos artísticos.

 Segundo explica o director do Museo de Pontevedra e vogal do xurado, Xosé Manuel Rey García, a pesares de que o número de persoas aspirantes se mantivo na liña dos últimos anos -dende que se modificaron as bases de participación-, non o fixo tanto o nivel, por iso se decidiu incluír na exposición só aqueles traballos das e dos novos creadores de arte contemporánea que máis despuntaron.

A decisión foi secundada por todo o xurado, que nesta ocasión estivo formado por María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural; Carmen Hermo Sánchez, artista e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Pedro de LLano Neira, profesor axudante da Facultade de Xeografía e Historia da USC; e Susana Gónzález Martínez, directora da Colección de Arte da Fundación María José Jove, actuando como secretario Carlos Cuadrado Romay, secretario da Deputación Provincial de Pontevedra.

Coas 17 pezas seleccionadas (1 de fotografía, 6 de pintura, 2 de cerámica, 1 audiovidual, 3 instalacións, 1 de bordado sobre tea, 1 serigrafía e 2 gravados) realizarase a exposición que abrirá no Edificio Sarmiento do Museo entre o 7 de xullo e o 11 de setembro. Antes da inauguración da mostra, 0 5 de xullo, o xurado do certame volverá reunirse para decidir –ante as pezas xa instaladas - cales son as merecedoras dos máximos galardóns. Non se descarta que seguindo a liña de ‘severidade’ algunha das catro bolsas dispoñibles quede deserta.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas. Este labor de patrocinio con axudas a creadoras e creadores noveis vense realizando de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX, e con continuidade e vixencia plena na actualidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario