A sinalización do Camiño Portugués suma xa preto de 300 establecementos ao seu paso pola cidade de Vigo
Marta Fernández-Tapias participou este venres na instalación da sinalética oficial en comercios tras recibir 107 novas peticións para participar na iniciativa
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
Os datos dos primeiros meses de 2022 confirman de novo o éxito do Xacobeo 21-22 na cidade de Vigo. No que vai de ano, e ata este 19 de maio, o Camiño Portugués da Costa rexistrou - segundo dtos da Xunta de Galicia - un total de 3.863 peregrinos, dos que case un terzo, máis de 1.200, aloxáronse no Albergue Juan Manuel López Chaves. A todo isto, hai que sumar o aluvión de peticións de establecementos para instalar a sinalización da ruta xacobea e facilitar así o percorrido dos camiñantes ao seu paso polo casco urbano de Vigo.
Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, participou precisamente este venres na colocación da sinalética oficial nun local situado ao carón do Camiño. A representante autonómica visitou aos responsables da Panadería Altairán, na Avenida de Castrelos, onde xa loce o distintivo xacobeo que permite aos peregrinos non perderse polas rúas da cidade.
“O Camiño supón unha importante fonte de ingresos para sectores como a hostalería e o comercio, polo que hai que aproveitar a oportunidade que nos brinda o Xacobeo 21-22”, sinalou Fernández-Tapias. Desde que a Xunta puxo en marcha a iniciativa xa son preto de 300 os locais que se sumaron e, tras unha primeira fase en 2021 cunha excelente acollida, neste 2022 a Administración autonómica recibiu outras 107 peticións por parte de propietarios de establecementos.
Única cidade de Europa sen sinalizar
A delegada fixo referencia ao feito de que Vigo sexa a única cidade de Europa que non ten instalada as sinais oficiais e a que o Camiño e o Xacobeo sexan outro motivo de confrontación para o alcalde. “Non é lóxico que Caballero prive aos peregrinos de contar coa información que precisan e a nosa veciñanza e negocios de sectores como a hostalería ou o comercio dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea oficial”, indicou.
Así, tamén fixo referencia aos “excelentes datos” que acadou o Camiño Portugés da Costa durante os últimos meses. Segundo os datos rexistrados ata o 19 de maio, un total de 3.863 peregrinos realizaron a ruta que pasa por Vigo, consolidándose como o terceiro percorrido cunha maior afluencia, tan só por detrás do Camiño Francés e o Camiño Portugués.
Albergue de peregrinos
Esta grande afluencia tamén se deixa notar no novo albergue de peregrinos de O Berbés. Ata este xoves e desde o pasado mes de xaneiro foron 1.232 persoas as que recibiron aloxamento nas modernas instalacións viguesas. Precisamente o dato de afluencia de este 19 de maio, con case medio centenar de persoas, supón o récord de ocupación do ano 2022.
Desde a súa apertura, o pasado 1 de xullo de 2021, o albergue recibiu a máis de 3.000 peregrinos. O edificio conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura conta con capacidade para 93 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario