A alcaldesa de Tomiño visitou Eslovenia para coñecer a cooperación transfronteiriza da cidade de Nova Gorica
Acompañada polo presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, compartiu experiencias con responsables doutros 11 países europeos
Infogauda / Tomiño
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asistiu os días 22 e 23 de maio na cidade eslovena de Nova Gorica, a un novo encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participaron tamén outros 11 socios europeos, coa finalidade de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.
Os delegados, entre os que tamén se atopaba o presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira (Rui Teixeira), foron recibidos polo alcalde de Gorica, para despois ser informados dos principais proxectos transfronteirizos que comparten coa cidade italiana de Gorizia, entre os que destacan unha ponte para peóns e bicicletas, como a proxectada na Eurocidade Cerveira-Tomiño, e outras iniciativas de mobilidade alternativa.
Ambas cidades, cunha historia moi marcada polas consecuencias das dúas guerras mundiais, están tamén a organizar as actividades da Capital Cultural 2025, para o que foron escollidas baixo o lema: "Go Borderless" https://youtu.be/BBX9eSbHNJ0
Para a alcaldesa, a visita é "unha excelente oportunidade para aprender dunha das experiencias europeas máis recoñecidas en cooperación transfronteiriza".
O Proxecto BRIDGE, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para cidadáns da Unión Europea, integra 11 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países, co fin de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Así, no proxecto participan, ademais de Tomiño e Cerveira, entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania e Letonia.
O BRIDGE prevé novos encontros en Bulgaria/Serbia e Lituania/Letonia nos que se abordarán temas relacionados coa financiación de programas e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; e iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social e ambiental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario