12 de maio de 2022

PONTEVEDRA

Desde o 21 de xaneiro de 2013 só son válidas as receitas que se adaptan ao  RD 1718/2010  

AS FARMACIAS DE PONTEVEDRA INICIAN UNHA NOVA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN SOBRE RECEITA MÉDICA  

O obxectivo da campaña é lembrar que, para ser válidas, as receitas privadas emitidas por médicos,  odontólogos e podólogos teñen que cumprir uns determinados requisitos e incluír os datos mínimos obrigatorios  

Os farmacéuticos incidirán en que o formato das receitas debe ser o oficial e en que é necesaria unha receita por cada envase de medicamento  

Esta será a sétima campaña de receita médica que se realiza nas farmacias de Pontevedra desde a entrada en vigor do Real Decreto 1718/2010, do 17 de decembro, sobre receita médica e ordes de dispensación   




Infogauda / Pontevedra 

 As farmacias de Pontevedra comezaron este xoves 12 de maio unha campaña organizada polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra co obxectivo de informar os cidadáns sobre os requisitos que deben cumprir as receitas privadas e cales son os datos mínimos obrigatorios que os médicos,  odontólogos e podólogos deben cumprimentar para que as receitas sexan válidas.  

 E é que, a pesar de transcorrer máis dunha década desde a publicación do Real Decreto 1718/2010, do 17 de decembro, sobre receita médica e ordes de dispensación e de finalizar o prazo de adaptación das receitas médicas fai máis de nove anos, todos os días solicítanse nas farmacias da provincia medicamentos suxeitos a prescrición, ben sen dispoñer da correspondente receita oficial emitida por un facultativo, ben cunha receita que carece de datos obrigatorios.    

 Nestes casos, o farmacéutico explica ao usuario que, ademais, de ser unha obrigación legal, é importante para a súa seguridade dispoñer dunha receita oficial correctamente cumprimentada.  

 “Os farmacéuticos non podemos dispensar sen receita os medicamentos que a necesitan e tampouco podemos facelo se a receita non cumpre os requisitos de formato ou carece dalgún dato obrigatorio. A lei non nolo permite e expoñémonos a unhas sancións moi elevadas por facelo”, afirma a presidenta do Colexio, Alba Soutelo.  

 “Seguimos recibindo nas farmacias  cuartillas co nome do médico ou da clínica impreso, e que só poñen o nome dun ou varios medicamentos, a data, e a firma do médico. Isto fai máis de nove anos que non é unha receita”, asegura a representante dos farmacéuticos de Pontevedra.  

 Por iso, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra organiza de novo unha campaña para informar, dunha forma sinxela e visual, que receitas son válidas e cales son os requisitos establecidos pola normativa de receita médica.  

Os datos obrigatorios das receitas en papel son:  

Datos do paciente: 

Nome, dous apelidos, e data de nacemento 

Número de DNI ou  NIE  

Datos do medicamento: 

Denominación do/os principio/ s activo/ s ou nome comercial 

Dosaxe e forma farmacéutica 

Vía ou forma de administración, en caso necesario 

Formato 

Número de envases 

Posoloxía  

Datos do prescritor: 

Nome e dous apelidos    

Datos de contacto directo 

Dirección profesional 

Cualificación profesional 

Número de colexiado e, no seu caso, a especialidade oficialmente acreditada que exerza • Firma manuscrita do prescritor  

Outros datos obrigatorios: 

Data de prescrición (día, mes e ano) 

Cláusula de información sobre protección de datos  

Ademais, é preciso ter en conta a regra 1 receita = 1 medicamento = 1 envase, que é aplicable a todos os medicamentos, salvo contadas excepcións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario