26 de maio de 2022

DEPORTES

Tomiño acollerá o vindeiro sábado a 3ª etapa do VII Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica  

A proba discorrerá por augas do Miño, á altura da praia de Goián, nas inmediacións do Espazo Fortaleza, e contará coa colaboración de Protección Civil 


Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes, e Raúl Torres, en representación de Fibralar, empresa que patrocina o evento, na presentación do evento

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A ribeira do Espazo Fortaleza, de Goián (Tomiño) vai acoller o vindeiro sábado, 28 de maio, a 3ª etapa do VII Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica.

 A competición, que pretende facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte, foi presentada onte no Concello de Tomiño. Na mesma estiveron presentes Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes, e Raúl Torres, en representación de Fibralar, empresa que patrocina o evento.

 Fran Campo lembrou o compromiso do Concello para este tipo de probas. “O deporte inclusivo non existía ata hai uns anos; esperamos que cada vez este tipo de competicións sexan máis e se apunten máis persoas”, augurou.

 Carlos Estévez, vogal da Federación Galega de Motonáutica, agradeceu ao Concello a súa boa disposición para colaborar na proba e a Fibralar o patrocinio da mesma. O representante da firma de internet e telefonía asegurou que “para nós é unha honra colaborar con unha competición destas características, e contribuír á inclusión das persoas con diversidade funcional da comarca”.

 A proba discorrerá por augas do río Miño, á altura da praia de Goián (dotada dun embarcadoiro adaptado) nas inmediacións do Espazo Fortaleza, e contará coa colaboración de Protección Civil.

 Con arranque programado ás 10.30h, piloto e copiloto terán que enfrontarse a unha serie de probas de destreza deseñada coma unha xincana nun circuíto marcado por boias vermellas e brancas fondeadas, sobre as que terán que trazar un percorrido con diversas dificultades.

 Segundo informaron os organizadores, uns 12 equipos de toda Galicia confirmaron xa a súa asistencia a este sétimo campionato inclusivo. Sobre as 14.00h terá lugar a entrega de premios, coa presenza de autoridades locais e representantes da Federación.

 Este ano e como novidade, haberá unha charla-coloquio a cargo de Rodrigo García, unha persoa con mobilidade reducida que chegará nun vehículo todo terreo adaptado desde Segovia.

 Aínda están abertas as inscricións, que se poden formalizar chamando ao número de teléfono 986 22 24 40 ou enviando un correo electrónico a info@fgmotonautica.org

As persoas (especialmente aquelas con diversidade funcional) que desexen coñecer este deporte, poden achegarse á competición, pudendo consultar os aspectos precisos para a práctica da motonáutica ou a obtención da licencia de navegación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario