29 de abr. de 2022

VIGO

Vigo acollerá a manifestación central da CIG este 1º de Maio 

O secretario xeral, Paulo Carril, fará declaracións aos medios de comunicación 10 minutos antes do inicio da marcha, prevista para ás 12:00 




Infogauda / Vigo

 A cidade de Vigo acollerá este domingo a manifestación central da CIG para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. O secretario xeral, Paulo Carril, fará declaracións aos medios de comunicación 10 minutos antes do inicio da marcha, que arrincará da Dobrada ás 12:00 horas.  

 A central sindical convoca un total de 16 mobilizacións por todo o país baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”, reivindicación que acompaña dun paquete de propostas para facer fronte ao descontrolado incremento de prezos dos produtos básicos.  

MANIFESTACIÓNS:  

A Coruña: 12h desde a Praza de Vigo 

Cee: 12h na Praza Concha Blanco. 

Compostela: 12h desde a Praza Roxa 

Ribeira: 12h desde a Praza do Peixe 

Ferrol: 12h desde o local da CIG (Avda. de Esteiro) 

As Pontes: 12h na Praza do Hospital 

Lugo: 12h desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla) 

Foz: 12h na Delegación de Facenda 

Ourense: 11.30h desde a Praza Maior 

Verín: 12h na Praza do Concello 

O Barco: 12h na Praza do Concello 

Pontevedra: 11.30h desde a Ferreiría 

Vilagarcía: 12h desde a Casa do Mar 

A Estrada: 12h desde a Praza do Mercado 

Vigo: 12h desde a Dobrada 

Cangas: 18h na Praza do Concello 

 Neste ano o Primeiro de Maio ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína. A CIG propón un paquete de medida urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Estas propostas, na liña das que xa se trasladaron aos Gobernos español e galego para avanzar nunha saída galega xusta da crise, requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas. Entre as medidas destacan:  

Electricidade 

1.- Creación dunha Tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW. 

2.- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. 

3.- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares e déficit de tarifa, etc.) e que sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado. 

4.- Retirar do mercado maiorista (pool) para fixar o prezo da electricidade as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para conseguir unha baixada xeneralizada no prezo da electricidade. 

5.- Controlar e fixar límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas. 

6.- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade. 

7.- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinado os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade. 

8.- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar do imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos. 

9.- Esixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábeis. 

10.- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía. 

Salarios 

1.- Os incrementos salariais deberanse situar nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas) e incremento salarial do 4,50%. 

2.- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado. 

3.- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades. 

4.- Fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.  

Emprego 

1.- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc. 

2.- As empresas para podérense acoller ao ERTE estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas. 

Combustibles 

Fixación polo Goberno dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022. 

Mobilidade 

Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos. 

Alugueiro 

Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.

Ningún comentario:

Publicar un comentario