“Aldea Buxán”, nova achega literaria de Francisco Álvarez Álvarez (Koki)
O libro será presentado o venres día 8 de abril, ás 19:30 horas, no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Cando un autor é prolífico, alguén pode pensar que non é posible que toda a producción sexa froito do esforzo persoal, senón a inconfesables estratexias. Non é este o caso de Francisco Álvarez Álvarez (Koki), que a mediados do pasado mes de marzo presentou na Biblioteca Eugenio Trías, de Madrid, un novo poemario - "Erótica" -, publicado en edición bilingüe castelán-inglés, por Ondina Ediciones, na Colección Verdemar / Poesía; e que dentro duns días, concretamente o vindeiro venres 8 de abril, ás 19:30 horas, no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda, presentará “Aldea Buxán”. Nese evento, organizado polo C.S. Fuscalho, participarán o autor, Francisco Álvarez (Koki) e o tamén escritor, Manuel Forcadela (Tomiño, 1958).
“Aldea Buxán”, libro do cal nos falara persoalmente o autor en máis dunha ocasión, non agromou por casualidade senón máis ben por causalidade, que non é o mesmo, ainda que o pareza. Trátase dun feixe de lembranzas do aquén dende o alén, mar por medio, rexistradas en diferentes soportes - en papel ou informático - ao longo do tempo. Relatos, nos que a morriña imprime súa pegada na alma do escritor, ubicado físicamente - naquela altura -, nun lugar determinado do planeta - neste caso na metrópole de New York -, ainda que súa mente continuase ancorada no substrato da Terra Nai, e de xeito máis concreto na Estivada (Salcidos).
Que en menos de un mes, Francisco Álvarez (Koki), presente dous libros, non deixa de ser unha feliz circunstancia, sabendo que moito antes de dar un orixinal ao prelo hai tamén moito labor previo.
“Aldea Buxán”, publicado por Edicións Embora, S.L., de Ferrol (A Coruña), vén a pór negro sobre branco a continuada traxectoria literaria de Francisco Álvarez (Koki), e iso sempre é motivo de satisfacción para os que seguimos de preto súa andaina.
Ademais do que o seu autor nos brinda, este novo libro de Francisco Álvarez (Koki) conta cun prólogo - todo un agasallo - do relembrado escritor Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015), moi vencellado - ao igual que súa dona Anisia Miranda - con A Guarda, que tamén - ainda que por circunstancias diferentes - soubo/souberon o que é a existencia persoal lonxe de Galicia.
A xeito de anticipo do contido íntegro deste novo libro do escritor, poeta e dramaturgo Francisco Álvarez (Koki), reproducimos o que oportunamente escribiu Xosé Neira Vilas:
"“Aldea Buxán” é un libro singular, escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el, no proceso creativo, retorna coa memoria cada pouco.
Escribe Koki nunha lingua rica en léxico e matices, coloquial, verdadeira. Non é a súa unha lingua “de dicionarios” como diría Fernández del Riego, senón algo que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos nosos montes. A autenticidade, como neste caso, ha de ser a primeira condición instrumental de quen se propón facer arte coa palabra escrita.
Neste libro hai se nos atemos a certos matices e definicións convencionais, contos, estampas, cronicas; en fin narracións. García Marquez dixo nunha ocasión que nun tempo só sabía que quería contar algo, transmitir algo e non lle importaba se era literatura ou xornalismo, historia ou artigo.
Aquí, afortunadamante, temos de todo. Vemos que a transhumancia non lle impide a Koki o vencello coa lingua galega e con Galicia. Máis ben o reafirma, como reafirma a súa vocación literaria e que nos traslada, nun xeito moi persoal de contar, a mundos diversos cunha linguaxe de gran madurez e autenticidade".
Xosé Neira Vilas
Francisco Álvarez Koki
Francisco Álvarez Koki (A Guarda, 1957), escritor e animador cultural, residiu desde 1984 en New York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. En lingua galega ten publicado, entre outros, o poemario A memoria das palabras, a novela Ratas en Manhattan e os libros infantís Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Ten tamén obra publicada en lingua castelá e participa habitualmente en libros colectivos sobre a relación dos autores españoles con os Estados Unidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario