A Xunta de Galicia convoca un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo para 12 persoas
As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o próximo mércores e as accións formativas impartiranse entre os meses de abril e xuño
Antes da realización do curso os matriculados deberán superar unhas probas físicas en piscina e someterse ao test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería do Mar vén de convocar un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula neste curso, que conta con 12 prazas, está aberto ata próximo mércores 9 de marzo.
Esta acción formativa, que se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 4 de abril e o 7 de xuño en horario de 9.00 a 15.00 horas todos os luns e martes desas semanas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.
As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria publicada no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario