No 8M
O alumnado do Obradoiro de Emprego fixo a súa particular homenaxe
Ás mulleres redeiras de A Guarda
Fotos: Obradoiro de emprego Manuel B. Portela
As persoas que están participando no Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela realizou unha visita á nave de redeiras da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia,de A Guarda, onde conversaron con tres das súas integrantes. Co motivo do Día da Muller quixeron render homenaxe a estas mulleres, que con moito esforzo e traballo levan a cabo un labor tan importante para o sector pesqueiro. As protagonistas son Marina, Sara e Carmen.
Marina e Carmen ostentan cargos da directiva da asociación, e relataron moi detalladamente ao alumnado como é o seu traballo, como foi o desenvolvemento da asociación, como foi o pasado, cal é o presente, e como ven o futuro.
Como mulleres destacan que os poucos homes que ataban estaban contratados polos barcos e tiñan unhas condicións laborais mellores que as delas, aínda que hoxe en día todas teñen o seu seguro de autónoma e unhas condicións laborais moito mellores que cuando traballaban sen seguro.
Marina lembra que nos seus comezos tiña que compaxinar o traballo de redeira coa crianza dos fillos e os labores da casa, e non foi fácil.
Outra das nosas protagonistas é Sara - a máis nova de todas -, destaca que o de redeira vénlle de familia. É filla e sobriña de redeiras, e dende que comezou está moi contenta, leva o seu salario para casa e concilia moi ben a vida familiar e laboral. Di que formouse facendo cursos en Marín.
Carmen leva traballando desde nena, empezou neste oficio nas antigas chabolas, e tivo que deixar a escola moi pequena. Despois de deixalo cando tivo fillos volveu retomar o seu traballo e hoxe en día é a presidenta da asociación.
As redeiras de A Guarda traballan para moitos armadores de toda Galicia. Destacan que hoxe en día non lles falta traballo, e animan á xente nova a que sigan o relevo desta fermosa profesión. Refiren que teñen unhas condicións moi dignas e que gañan un bo salario.
Polo seu labor, o colectivo de redeiras ten o selo de Artesanía de Galicia, Asemade, dende fai un tempo tamén elaboran outra artesanía que contribúe ao incremento dos seus ingresos. Na nave teñen unha pequena exposición onde nos amosaron fermosas pezas de bixutería, colgantes, pulseiras, aneis, colares,..., e tamén bolsas para a compra, fulares, chaveiros, e moitos máis detalles, todo con motivos mariñeiros e feitos cun gusto exquisito.
Cursos de formación
A Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia vai organizar en breve cursos de formación para quen queira aprender o oficio e obter un certificado de profesionalidade que capacita para o exercicio da profesión. Por iso animan á xente nova para que collan o relevo, xa que segundo din as condicións de traballo e salario son moi boas e ofrecen unha flexibilidade que noutros sitios non hai. Asemade resaltan que de ser máis asociadas terían moito máis traballo, que hoxe en día non poden aceptar por non teren tempo para asumilo.
E ata aquí a súa homenaxe a este colectivo de mulleres, que loitan pola súa independencia e son exemplo de superación para as xeracións vindeiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario