17 de xan. de 2022

LABORAL

A CIG-Banca convoca mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno no sector dos centros de chamadas 

As protestas comezan este martes 18 en Vigo e despois trasladaranse á  Coruña, Ourense, Lugo e Santiago 




Infogauda / Vigo

 A federación de Banca da CIG convocou mobilizacións para reclamar un convenio digno nos centros  de chamadas e rexeitar os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no  sector. As protestas comezan este martes en Vigo, con concentracións en Bosch e Unísono, e  despois trasladaranse a A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago. 

 Baixos salarios, presión e ameazas, temporalidade, dificultade para a conciliación, non pagamento  dos gastos teletraballo, clasificación profesional inadecuada e obsoleta, xornada irregular ou tempo  parcial son as principais problemáticas que padece o persoal dos centros de chamadas, que leva  dende xaneiro de 2019 negociando o convenio colectivo estatal. Neste tempo os seus soldos  permaneceron conxelados, o que sumado a que os convenios asinados anteriormente xa afondaran  na precariedade provocou que a perda de poder adquisitivo fose medrando ano tras ano. 

 Até o punto de que de térense aplicado os índices do IPC (incluso os negativos) en lugar das subas  pactadas en convenio, o salario anual de teleoperador/a especialista sería hoxe de máis de 16.000  euros. “Polo que os cartos perdidos en 11 anos por mor deste convenio ascenden a máis de 10.000  euros”, denuncian dende a CIG.  

 Por iso na central sindical apostan por reclamar na rúa unha mellora das condicións de traballo,  tendo en conta a actitude inmobilista e a falta de interese do empresariado en negociar un convenio que recoñeza o esforzo realizado polas traballadoras/es do sector durante a pandemia. 

 Deste xeito, fai un chamamento a participar nas mobilizacións que darán comezo este martes 18 en  Vigo (diante de Bosch ás 11:15 horas e diante de Unísono ás 12:15 horas) e que continuarán o  martes 25 na Coruña, o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario