A Xunta de Galicia desenvolve dous proxectos de incubación e cría de postas de píllara das dunas e de mazarico real
Como resultado do seguimento e dos labores de conservación realizados este ano, rexistráronse 80 parellas de píllara e a tempada saldouse co nacemento de 154 polos
Belén do Campo subliña a implicación e o papel que asumen nestes proxectos tanto o persoal técnico como os axentes medioambientais e os vixiantes da Consellería
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continuará desenvolvendo durante 2022 dous proxectos co obxectivo común de contribuír á preservación das poboacións de dúas especies ameazadas, o mazarico real e a píllara das dunas, tendo en conta que no primeiro caso, a poboación nidificante está incluída no Catálogo galego e español en perigo de extinción e no da píllara, é unha das actuacións previstas no seu plan de conservación aprobado en Galicia.
Esta foi unha das cuestións que se abordaron na reunión do Observatorio galego da biodiversidade, un órgano consultivo de asesoramento e consulta no que participan, ademais de representantes da Consellería, especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies terrestres e mariñas, así como representantes das tres universidades galegas e de asociacións dedicadas á conservación da biodiversidade.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, foi a encargada de presidir a xuntanza, na que tamén se presentaron os resultados do seguimento da píllara das dunas en Galicia realizado ao longo deste ano e se deu conta da experiencia piloto para a incubación e cría en catividade de ovos recollidos de niños de mazarico real.
Neste sentido, informouse de que como resultado dos traballos de seguimento e dos labores de conservación realizados ao longo deste ano rexistráronse un total de 80 parellas de píllaras e que a tempada rematou co nacemento de 154 polos, 22 deles resultado da incubación artificial.
De feito, cómpre precisar que ademais das actuacións destinadas á protección dos niños desta especie —que se centraron sobre un total de 87, fixando parcelas de exclusión en 66 deles e colocando perímetros de protección ao redor doutros 21—, en 2021 tamén se lle deu continuidade aos programas de conservación ex situ que se veñen desenvolvendo mediante a incubación e cría en catividade.
Concretamente, estes traballos leváronse a cabo nas instalacións do Centro de recuperación de fauna de Oleiros e consistiron na incubación dos ovos de niños recuperados do medio natural debido a que tiñan poucas posibilidades de éxito pola súa situación na franxa intermareal, polo abandono ou pola elevada presión humana existente na zona. Dos 22 polos que naceron en catividade, 21 lograron voar e se sumaron aos outros 45 que tamén o fixeron dos 132 que naceron dos niños observados.
Polo que respecta ao proxecto para a incubación e cría en catividade de postas recollidas na poboación nidificante de mazarico real en Galicia, a Consellería continuará desenvolvendo o próximo ano esta experiencia piloto, que comezou xa en 2020.
O obxectivo deste proxecto de investigación é optimizar o proceso de incubación e o crecemento de pitos en catividade de xeito que permita acadar un incremento da produtividade de, polo menos, 1,5 voantóns —é dicir, un polo que voa— por cada parella, o que suporía un aumento notable respecto das cifras rexistradas na poboación española de mazaricos reais na última década.
Neste caso concreto, o programa de incubación e cría levarase a cabo no Centro de recuperación de fauna de Cerdedo-Cotobade, co apoio e a participación de técnicos da Universidade de Santiago de Compostela e dos servizos de Patrimonio Natural de Lugo e de Pontevedra.
Neste sentido, Belén do Campo puxo en valor a implicación tanto do persoal técnico, como dos axentes medioambientais e dos vixiantes da Consellería. Así, lembrou que a preservación da flora e da fauna autóctonas forma parte do día a día destes traballadores, cuxo labor principal consiste na protección do patrimonio natural e en eliminar ou advertir dos posibles perigos e ameazas que pesan sobre o mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario