26 de set. de 2021

DEPORTES

PIRAGÜISMO

MOI BOA ACTUACIÓN DO TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ NO CAMPIONATO DO MUNDO DE ESLOVAQUIA  


Luís Fernández Pereira, único representante galego no Campionato de Mundo de Slálom

Informa: Rosa Fernández Carrera

 Ao longo desta semana celebrouse na cidade eslovaca de Bratislava o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións internacionais desta modalidade. A única representación galega no evento foi a do teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista do Club Deportivo Miño era un dos tres integrantes do equipo español de canoa que a Federación Española de Piragüismo convocou para o evento.  

 A participación comezou para Luís o mércores 22, onde, xunto con Miquel Travé e Ander Elósegui, competiron na modalidade de equipos. Fixeron unha baixada correcta, con poucas penalizacións pero moi lenta, rematando  en noveno lugar.  

 No día seguinte celebráronse as clasificatorias, onde piragüistas de todo o mundo intentaron acadar un posto en semifinais. Luís fixo unha impresionante primeira baixada, cun tempo de 87,15 segundos, que o meteron directamente en semifinais co sétimo mellor crono.  

 O domingo, os trinta semifinalistas, enfrontáronse a un circuíto moi criticado pola súa tremenda dificultade. Luís defendeu moi ben a súa semifinal, cunha baixada rápida, pero dúas penalizacións nas portas de remonte 3 e 10 deixárono fóra da final. Cun tempo de 97,39 segundos, o deportista salcedán rematou nun impresionante décimo cuarto lugar, o que o sitúa na elite do slálom mundial.  

 Con esta competición, dáse por rematada esta tempada 2021.  

 Vídeo das semifinais. 

A GUARDA

UN “MAN A MAN” POÉTICO ENTRE FELICIANO ROLÁN E ROSALÍA PON O PUNTO FINAL AO “VOLANTEIRO NO CAMIÑO”    

O recital no que se lerán poemas dos dous autores galegos poñerá o broche de ouro á iniciativa turística e cultural desenvolta este verán pola Asociación Piueiro para homenaxear o Camiño Portugués.  

O “Volanteiro no Camiño” co que o barco “Piueiro” homenaxeu o Camiño Portugués pola Costa contou co financiamento da Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.  

 

O Piueiro saíndo do porto da Guarda

Mar Bermúdez / A Guarda

 O “Volanteiro no Camiño”, a iniciativa coa que a Asociación  Piueiro rendeu a súa particular homenaxe aos roteiros xacobeos polo mar, concretamente o Camiño Portugués pola Costa, terá o seu broche de ouro este mércores, 29 de setembro, cun recital poético “ man a  man” entre dous autores moi vinculados á asociación: Feliciano  Rolán e Rosalía de Castro. O primeiro, pola súa especial relación co pobo guardés e a segunda porque é precisamente a súa imaxe e a súa frase “Eu son libre” as que aparecen na vela do volanterio reconstruído pola asociación.  

 O recital poético, que terá lugar na sede da Organización de Armadores da Guarda (Manuel Álvarez, 16), contará coa participación da presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, Julia Sobrino, e un membro da directiva, a poeta Chuny Vázquez, que recitarán varios poemas de Feliciano Rolán (Vigo, 1907), autor dos poemarios “Huellas” e “De mar a mar”, este ultimo editado polos seus amigos e seleccionado por Juan Ramón Jiménez. O autor agora recuperado foi profesor de Dereito na Facultade de Santiago de Compostela e “brillante literato e poeta”. Rolán morreu aos 27 anos de idade.   


Rosalía de Castro na vela do Piueiro
   

 Pola súa banda, as xornalistas  Jéssica Pintor e María Jesús Argibay finalizarán o evento coa lectura de “Lieders”, o artigo escrito por Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837) e publicado por primeira vez en 1858 que está considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.  

 O presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Joaquín  Cadilla, será o encargado de explicar a especial relación de ambos poetas coa Guarda e o mar, así como os obxectivos de Piueiro coa posta en marcha da iniciativa “ Volanteiro non  Camiño”, que contou co financiamento da Xunta de Galicia, a través do programa O  Teu Xacobeo.  

As travesías do Volanteiro no Camiño  

 As travesías que se realizaron ao longo do verán permitiron aos viaxeiros descubrir a navegación a bordo dun barco tradicional e coñecer a cultura mariñeira transmitida pola propia embarcación e polos seus tripulantes, en parte mariñeiros xubilados do porto da Guarda. Todos eles recibiron previamente a formación necesaria en Interpretación do Patrimonio para ofrecer aos participantes unha información completa sobre os roteiros.  

 Neste sentido, un elemento fundamental do proxecto foi un mapa que recibiron  todos os viaxeiros e que lles achegaba unha visión do Camiño Portugués pola Costa desde o mar, destacando bens patrimoniais e naturais como o Monte Santa Trega, o espazo natural Esteiro do río Miño (Rede Natura 2000), o Mosteiro de Oia, os petróglifos Auga dos Cebros (embarcación  fenicia), a Fortaleza Monterreal, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o  Monte do Castro, o Centro de Interpretación da Batalla de Rande ou a Illa de San Simón.  

 O recital poético “Man a Man.  Feliciano Rolán / Rosalía de Castro” que terá lugar este mércores ás 19:00 horas, está aberto ao público ata completar o aforo permitido pola normativa sanitaria. 

DEPORTES

FÚTBOL

CAMPAÑA DE ABONADOS DE LA U. D. RIBERA



U. D. Ribera / O Rosal


�� ¿Podemos contar contigo?
�� ¡Cada vez falta menos para que de comienzo la liga y necesitamos contar contigo!
☑️ ¿Quieres colaborar con la U. D. Ribera? ¿Nos ayudas a seguir creciendo? Tu pequeño grano de arena hará que seamos más fuertes!
��️ Elige la opción que se adapte a ti:
⚫ Carnet Socio colaborador: Especialmente pensado para las empresas, donde empleados o directivos pueden hacer uso de el. Consta de entrada doble transferible, el importe es de 70€.
�� Carnet de socio :
Es el carnet de todas aquellas personas a partir de los 25 años, el importe es de 35€. Si te haces socio en pareja tendrás un descuento directo, pareja 60€.
⚪ Carnet joven :
Si tienes entre 18 y 25 años esta es tu opción con un importe de 25€.
�� Contacta con nosotros por redes sociales, en el campo de fútbol A Mata o en el número: 651 578 331

GALICIA

A Xunta de Galicia ponse á disposición dos concellos para reducir á metade os prazos de tramitación urbanística, que na actualidade se sitúan en seis meses  

Unha consulta realizada aos concellos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conclúe que o tempo medio é de 177 días, cando a Lei do solo indica que debe ser dun máximo de tres meses  

Tamén se solicitou información sobre os trámites en liña que realizan, para coñecer as súas preferencias ou incidencias co obxecto de mellorar as aplicacións  


Infogauda / Santiago de Compostela

 O persoal técnico da Xunta de Galicia ponse á disposición dos concellos para tratar de reducir á metade os prazos de tramitación das licenzas municipais en materia urbanística, tendo en conta que o tempo medio se sitúa en 177 días —seis meses—, cando a Lei do solo establece que o máximo son tres meses.

 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda realizou unha consulta aos 313 concellos galegos sobre os prazos de resolución das licenzas, para coñecer o tempo que empregan e as principais causas da demora.

 Á vista das respostas remitidas, polo momento, por un de cada tres municipios, a Consellería presta o seu apoio para que as administracións locais tomen medidas e habiliten os mecanismos axeitados para axilizar a tramitación dos expedientes. De feito, tamén se solicitou información sobre os trámites en liña que realizan, para coñecer as súas preferencias ou incidencias co obxecto de mellorar as aplicacións.

 Neste sentido, a Xunta pídelle aos concellos que faltan por responder á misiva que tamén o fagan —entre eles, as sete grandes cidades—, para que o estudo dos datos en conxunto sirvan para que a cidadanía en xeral ou o empresariado poidan acceder a tramitacións máis áxiles de procedementos de por si complexos.

 De feito, coa vixente Lei do solo ou coa Lei de rehabilitación, o Goberno galego reduciu os prazos de emisión dos informes sectoriais aos tres meses, un compromiso de axilidade co que está a cumprir.

Nova plataforma para xestión de documentos

 Por outra banda, cómpre lembrar que esta mesma semana se lles presentou aos concellos e ás deputacións provinciais a plataforma para a xestión dos documentos que requiren de visado do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, como por exemplo a expedición de licenzas de obra e outras tramitacións urbanísticas; un servizo incluído no nodo de interoperabilidade da Xunta pasaXe!.

 Así, a documentación accesible por parte dos concellos contará coa conformidade da persoas solicitante da licencia ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado. O sistema permite eximir ás persoas solicitantes da obriga que achegar a documentación, e bastará con que proporcionen na solicitude o código de descarga correspondente que lle foi proporcionado polo técnico redactor.

 O sistema facilita e simplifica a tramitación por parte da persoa solicitante e permite que a documentación poida ser supervisada nun único arquivo pdf de estrutura normalizada, independentemente do tamaño ou do número de documentos que o conformen.

 Trátase dunha liña de traballo que se enmarca no obxectivo de implantar unha Plataforma urbanística dixital de Galicia, de acordo coa Lei do Solo de Galicia. Para logralo, creouse un grupo de traballo do que forman parte técnicos do ámbito tecnolóxico co coñecementos de urbanismo.