18 de feb. de 2021

A GUARDA

Os socialistas levan o acceso sur do porto da Guarda ao Parlamento de Galicia 

A instancia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Grupo Parlamentario Socialista presenta unha proposición non de lei para tratar do acceso sur ao porto da Guarda no Parlamento galego

 

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, coa deputada Leticia Gallego e compoñentes do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, esta mañá nas inmediacións do porto guardés

 

Infogauda / A Guarda

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, recibiu na mañá de hoxe, xoves día 18 de febreiro, na zona portuaria da localidade, a deputada Leticia Gallego Sanromán, do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, para anunciar a presentación da iniciativa parlamentaria que vai a defender a construción dunha infraestrutura fundamental para o futuro da vila e do seu porto, un novo acceso sur ao porto da Guarda

 Como lembrou o alcalde Antonio Lomba a necesidade de mellorar a comunicación do porto xa vén de vello. No ano 1993 o PXOM xa contemplaba un novo acceso ao porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro, ao ser este, un dos motores económicos da localidade. 

 A rúa Concepción Arenal foi construída como principal acceso ao porto a mediados do século XX. O crecemento urbanístico arredor desta rúa converteu este acceso nunha vía urbana. Así o PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) da Guarda, redactado en 2017, recomendaba unha intervención na rúa Concepción Arenal orientada a un modelo de mobilidade sostible e segura, e vinculaba esta actuación coa execución dun novo acceso ao porto da Guarda. No plan ambas actuacións considéranse chaves para un cambio de modelo urbano. No mesmo ano 2017 o alcalde da Guarda solicita a redacción do proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda á Deputación de Pontevedra e no 2018 comezan as obras de humanización de Concepción Arenal. 

 No ano 2018 a Deputación de Pontevedra redacta o proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda e da comezo a súa tramitación para obter os informes sectoriais necesarios para a súa execución

 Dende 2017, Antonio Lomba ten mantido distintas reunións con responsables da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Consellería de Pesca, e de Portos de Galicia para pedir apoio e financiamento para esta infraestrutura, buscando conseguir un compromiso firme dos responsables da Xunta de Galicia.  

 Cabe destacar que en 2019 xurde na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio concello, que ten como obxectivo potenciar o uso do porto, tanto para actividades profesionais como naútico deportivas, para que actúe como motor económico na localidade. As reclamacións do colectivo pretenden conseguir que se poida usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos, infraestruturas de atraque e, por suposto, dun novo acceso para calquera tipo de vehículo, sobre todo vehículos pesados. Este colectivo, encabezado polo alcalde, xa lle trasladou as súas demandas á Conselleira de Pesca e a Presidenta de Portos de Galicia. 

 O alcalde da Guarda considera esta infraestrutura vital para o futuro da localidade e por iso non escatimará esforzos para conseguir que esta demanda, que conta co apoio de toda a sociedade guardesa, chegue a bo porto.

A GUARDA

A Xunta de Galicia remata a mellora de eficiencia enerxética no IES A Sangriña coa renovación da carpintaría exterior cun investimento de 250.000 €  

O Goberno galego substituíu as fiestras e as persianas para acadar unha maior confortabilidade térmica no interior e segue coa modernización do centro tras destinar máis dun millón de euros a melloras na última década 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez, supervisan a actuación, que se completou coa habilitación da antiga casa do conserxe en dúas aulas por seguridade sanitaria

 

Infogauda / A Guarda 

  A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar o proxecto de mellora e reforzo da eficiencia enerxética no IES A Sangriña, coa renovación da súa carpintaría exterior cun investimento de case 250.000€.

 Dita actuación foi supervisada esta tarde polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e o xefe territorial de Educación, César Augusto Pérez Ares, con motivo do remate dos traballos, que pretenden favorecer o illamento e incrementar a confortabilidade térmica no interior para mellorar as condicións lectivas para a comunidade educativa.

 “A Xunta de Galicia ten un compromiso inequívoco cunha educación pública de calidade e por iso está a desenvolver un plan global de acondicionamento dos centros educativos na provincia de Pontevedra que neste caso beneficiou a este instituto, de case 40 anos, para favorecer as condicións das clases”, explicou Luis López.

 Os traballos realizados consistiron na substitución das fiestras e das persianas para acadar un edificio máis eficiente e illado do exterior e que presente unhas mellores condicións térmicas dadas as súas grandes dimensións, xa que conta con dous volumes e tres andares aos que se engaden espazos anexos como os obradoiros, o ximnasio e o pavillón.

 Ademais, a actuación completouse coa reforma e habilitación da antiga casa do conserxe en dúas aulas para gañar espazo e responder, de xeito máis axeitado, ao protocolo de seguridade sanitaria fronte á covid-19. Esta obra tivo un orzamento de 40.000€.

 Deste xeito, a Consellería de Educación segue co seu proceso de modernización do instituto guardés, no que, ao longo da última década, investíronse máis dun millón de euros en actuacións diversas, como o cambio de cuberta, a renovación das instalacións eléctricas, o reemprazo do sistema de calefacción, a substitución das redes de saneamento ou diversas reformas e redistribución de espazos, entre outras.

O ROSAL

O Concello inviste 70.000 euros na mellora de estradas e no equipamento do parque de Pancenteo  

Estas obras foron subvencionadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra 

 

O concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, nas obras de asfaltado do Fondal Foto: C.O.R.
 
   

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa coas obras de mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal. Así, durante as últimas semanas, leváronse a cabo varios traballos de renovación do firme e incorporación de novo equipamento cun investimento total de 70.000 euros que foron subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. “Seguiremos traballando para conseguir que o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso e desfrute dos rosaleiros e rosaleiras, porque investir en infraestruturas tamén e investir na calidade de vida da veciñanza”, salienta o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez. 

  Asemade, Germán Fernández indicou que “a obra de maior importe foi a de asfaltado para a mellora parcial das estradas de Miranxe e Parada, na que se investiron máis de 40.000 euros. Tamén se procedeu á mellora da estrada Camiño do Fondal, en Marzán, que tivo un custo de case 24.000 euros. Xunto a estas obras leváronse a cabo os traballos de renovación do firme con asfaltado en frío en oito estradas e de acondicionamento con saburra noutras oito nos diferentes barrios

 Por outra parte, ao abeiro da mesma subvención, tamén se procedeu á colocación de novas varandas no parque de Pancenteo fabricados a medida para a zona. En total son 56 metros lineais de varanda lacada de cores galvanizada composta de tubos redondos e coas súas correspondentes chapas de ancoraxe. Esta mellora tivo un custo total de 6.000 euros.

O ROSAL

O Concello do Rosal traslada a listaxe das persoa traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para a súa inminente vacinación  

En resposta á solicitude da FEGAMP, entidade que coordina a recollida destes datos, o Rosal xa notificou os datos para axilizar a vacinación destas persoas 

                               Área de Servizos Sociais do Rosal - Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 A Área de Servizos Sociais do Rosal ven de notificar á FEGAMP as listaxes das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, tanto do servizo que executa o Concello de xeito directo, como do SAF Dependencia a través da empresa adxudicataria do servizo. Deste xeito O Rosal axiliza a vacinación deste grupo poboacional que está a traballar día a día en primeira liña con persoas de alto risco.   

 As persoas traballadoras de servizos asistenciais no fogar é un dos colectivos que, segundo o previsto no Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS- Cov2, recibirán a vacina nos vindeiros días ou semanas, dado que están incluidos no grupo 3B da devandita estratexia. 

TOMIÑO

O Concello de Tomiño continúa coas obras de mellora dos seus camiños municipais  

Realizáronse novas intervencións no acceso á Silvosa-Freixoal e no barrio do Tollo en Goián, por un importe de 46.320 euros 


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa realizando obras de mellora no conxunto dos camiños rurais dentro do Plan Municipal de Mellora de Asfaltados. Recentemente leváronse a cabo novas intervencións para o asfaltado das pistas de acceso ao Freixoal e á Silvosa, nas parroquias de Vilameán e Barrantes, así como no camiño de acceso aos viveiros no barrio do Tollo, en Goián.  

 


 

 En total a intervención supón a mellora a través do asfaltado de 978 metros no caso do acceso á Silvosa e o Freixoal e de 370 metros no camiño do barrio do Tollo. Estas obras, cun importe total de 46.320 euros, foron financiadas ao abeiro das axudas do Plan Marco 2020-21 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para a mellora dos camiños municipais. A convocatoria esixe que as actuacións se desenvolvan en camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso a como mínimo dúas parcelas agrícolas ou unha instalación agrogandeira.  

 Todas estas obras teñen como finalidade mellorar as condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade viaria para peóns e automóbiles. “Nun concello disperso e cunha rede de camiños rurais que supera os 500km, manter unha axeitada conservación en todos eles supón todo un reto, polo que é importante contar con axudas para este fin, especialmente nun caso coma o noso”, comenta o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto. 

GALIZA

As traballadoras galegas tardarán un mínimo de 300 anos en conseguir a equiparación salarial cos homes 

Corral chama á folga o 8M porque “os dereitos das mulleres non poden estar en corentena” 

 

Margarida Corral e Natividade López na presentación do Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza, 2020 - Foto: CIG

 

Infogauda / Santiago de Compostela

 Desde o ano 2009 a fenda salarial reduciuse en 2,6 puntos porcentuais, o que en termos absolutos equivale a 150 euros menos de diferenza entre os salarios dos homes e das mulleres. De seguirmos a este ritmo, farían falta 300 anos para conseguir a equiparación salarial cos homes. Un tempo que será mesmo insuficiente se non muda a situación provocada pola covid, que expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas. Por iso a CIG chama á folga o 8M, porque “pese á pandemia, os dereitos das mulleres non poden, nin deben, estar en corentena”. 

 Así o aseguraba esta mañá -na rolda de prensa de presentación do Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza, 2020, elaborado polo Gabinete de Economía da CIG-, a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen afirmou que a pandemia puxo en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8M de 2020 denunciaba que “sen coidados non hai vida”, amosando que os traballos feminizados son esenciais para o desenvolvemento da sociedade. 

 Por iso denunciou que, porén “as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica”. 

 Fronte a isto, asegurou que as únicas políticas adoptadas polos gobernos, tanto do Estado como na Xunta, “foron dirixidas a reducir os nosos salarios e a obrigarnos a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar”. 

As mulleres, as grandes damnificadas da pandemia 

 Os datos da EPA relativos ao ano 2020 que recolle o Informe así o confirman e xa amosan como a muller vai ser a gran damnificada pola pandemia porque, segundo explicou a responsable do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, “a muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento”. Tal é así que se estima que 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a ‘labores de  fogar’ que en 2019. 

 Ademais, o 77% do emprego destruído foi feminino, pero iso “non se reflectiu na poboación parada, senón que provocou un descenso na poboación activa” co que a taxa de actividade masculina volve superar á feminina en máis de 10 puntos. A maior presenza de mulleres en actividades esenciais na pandemia non foi abondo para compensar a caída da ocupación feminina no resto de sectores. 

 “A maior precariedade e temporalidade propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia”, apuntou López Gromaz quen sinalou que as maiores perdas de emprego déronse no sector Servizos, nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalaría. Ademais, agás no sector público –onde todos os novos contratos asinados por mulleres foron temporais- perdeuse emprego en todas as categorías profesionais. Xunto a isto, “entre as mulleres o maior descenso produciuse entre as empregadas no sector privado; entre os homes entre autónomos ou traballadores independentes”. 

 Así as cousas, a taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. E isto ocorre cando, ademais o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, mentres que en 2019 eran o 75,2%. 

 Con todo, a economista da CIG advertiu que as consecuencias desta situación veranse a longo prazo, sobre a xubilación e “van agravar a xa forte fenda salarial existente”. Lembrou que en 2020 o número de anos cotizados para acceder á máxima pensión correspondente era de 36 anos e 9 meses, que non acadou nin a poboación con máis de 65 anos. De media os homes tiñan 34, 4 anos cotizados e as mulleres apenas superaron os 23 (23,3). “Deste xeito, de media en 2019 as pensións das mulleres foron un 35% inferiores ás dos homes: 677,73€ as mulleres, fronte a 1.042,91€ os homes, o que equivale a 365 euros menos ao mes”. 

Loitar por “cambios reais” 

 Diante desta situación, a secretaria das Mulleres asegurou que os datos, que cualificou de “demoledores” xustifican a necesidade, “posiblemente máis que nunca na historia recente, de saírmos á rúa para denunciar celebracións hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos e, pola contra, fan pagar a crise sanitaria maioritariamente ás mulleres”. 

 Demandou “cambios reais xa” e augurou que “non queda outro camiño que a loita incómoda” para denunciar a situación “tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar que o goberno do PP na Xunta de Galiza vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerables”. 

 Asemade, demandou tamén a revalorización dos recursos e servizos de atención ás persoas, garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como esenciais, a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas, e en condicións dignas para o persoal encargado dos coidados. 

 Denunciou a dobre explotación que sofren as mulleres tanto no traballo asalariado como nos fogares e que o goberno do Estado “foi incapaz de blindar os dereitos de conciliación” das persoas traballadoras e de poñer as vidas no centro das políticas públicas. “A única medida que puxo en marcha no confinamento foi a de permitir reducións de xornada de até o 100% para que as persoas traballadoras asumíramos de balde os coidados que o Estado deixou de garantir”. 

 Recoñeceu que son tempos difíciles para a mobilización mais asegurou que “non podemos ficar caladas”. Por iso chamou a participar na folga de 24 horas e nas mobilizacións convocadas pola CIG o 8 de Marzo e nas convocadas pola plataforma GALEGAS8M 

VIGO

O COMITÉ DE FOLGA DOS BOMBEIROS DE VIGO FARÁ UN "ANUNCIO IMPORTANTE"

Este venres, 19 de febreiro, ás 11:00 horas, na Praza do Rei

Infogauda / Vigo

 O comité de folga dos bombeiros de Vigo convoca unha rolda de prensa para este venres día 19 de febreiro, ás 11:00 horas, na Praza do Rei (diante do concello de Vigo) para facer un anuncio importante a respecto da convocatoria de folga indefinida que manteñen dende hai meses para denunciar a falta de persoal e rexeitar o decreto municipal que os obriga a traballar en días de descanso.

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra convoca os Premios Demo Day cara ás propostas emprendedoras do alumnado dos centros que participan en "DepoEmprende na FP"  

A institución provincial repartirá 1.900 euros nestes galardóns, que buscan fomentar a iniciativa emprendedora entre o alumnado da Formación Profesional de grao medio e superior e na que toman parte este ano seis centros educativos da provincia 

 

Infogauda / Pontevedra

  A Deputación de Pontevedra convocou unha nova edición dos Premios Demo Day para os centros que este curso están adheridos ao proxecto "DepoEmprende na FP", cuxo obxectivo é promover entre o alumnado de Formación Profesional de Grao Medio e Superior a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego, e tamén a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades.

  A estes galardóns, que buscan fomentar o lanzamento das diferentes propostas elaboradas polo alumnado, así como identificar e apoiar proxectos susceptibles de ser desenvolvidos, poden optar os centros educativos que este ano participan: o CIFP Manuel Antonio (Vigo); o CPR Daniel Castelao (Vigo); o CPR San Miguel (Vigo); o IES Johan Carballeira (Bueu); o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar).

  Trala publicación este xoves das bases da convocatoria no BOPPO, os centros educativos poderán presentar as súas solicitudes de inscrición a partir deste venres 19 e con prazo ata o día 11 de marzo. A Deputación destina a estes premios un orzamento de 1.900 euros, distribuído en dous premios de 700 e 500 euros para os proxectos da categoría de Grao Superior e un premio de 700 euros para os da categoría de Grao Medio.

  Segundo establecen as bases, os centros participantes poderán presentar como máximo dous proxectos de entre os desenvoltos no marco do programa. Unha vez elixidos, a Deputación desenvolverá co alumnado un programa intensivo de apoio e asesoramento, formación e mentorización, denominado "Aceleración de proxectos" para axudarlles no proceso de elaboración. Finalmente, o xurado examinará as propostas presentadas e terá en conta para a concesión destes premios a valoración do proxecto, innovación; a súa contribución social; solidez e viabilidade , estratexia comercial e, por último, a presentación.

  "DepoEmprende na FP" é unha das tres modalidades nas que se divide este programa para centros educativos da provincia, xunto a "DepoEmprende na escola" e "DepoEmprende na ESO" e con esta iniciativa a Deputación busca promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. A metodoloxía proposta baséase na elaboración e xestión de proxectos empresariais para que o alumnado asuma o risco de afrontar diferentes situacións laborais e, deste xeito, mellore a súa participación activa na vida económica, social e cultural do seu contorno. Ademais dos seis centros de FP, neste curso 2020-2021 participan 8 en "DepoEmprende na Escola" e outros 8 en "DepoEmprende na ESO".

VIGO

A Deputación de Pontevedra lanza os contidos da plataforma web de "Descúbre-as" para dotar de ferramentas ao talento feminino musical da provincia  

Carmela Silva (presidencia do ente provincial): "Na industria musical hai teitos de cristal e solos pegañentos que impiden que as mozas poidan chegar. `Descúbre-as´ é un proxectazo, un dos máis relevantes na música en igualdade na provincia, en Galicia, e en todo o Estado" 

 

A presidenta, xunto a Olalla Dopico, coordinadora do proxecto, presentaron as novas accións - Foto: D.PO.

 

Infogauda / Vigo

"`Descúbre-as´ é un proxectazo, un dos proxectos máis relevantes que existe a prol da igualdade na música en Pontevedra, en Galicia, e en todo o Estado español". Con esta afirmación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou hoxe o seu orgullo "polos enormes avances dun programa presentado en decembro que a día de hoxe ten tantas novidades na plataforma web". A presidenta, xunto a Olalla Dopico, coordinadora do proxecto, presentaron as novas accións de www.descubreas.com "unha web moi potente, que crea redes, pon en relación ás mulleres novas coa industria musical para que poidan desenvolver a súa carreira profesional". No acto de lanzamento participou a cantautora viguesa Sanny que interpretou algunhas das súas pezas. "Na industria musical –asegurou Carmela Silva– hai teitos de cristal e solos pegañentos que impiden que as mozas poidan chegar. Non pode haber nada mellor que permitir que as mulleres novas teñan instrumentos para poder dedicarse á música".

Neste eido, xa se poden consultar na web do programa vídeos, entrevistas, unha completa axenda, novas e recursos formativos que permitirán avanzar neste obxectivo. Trátase dunha páxina "de enorme calidade técnica" na que se inclúen desde vídeos titoriais ata foros, vídeo-entrevistas, e un mapa de mulleres na industria musical, "fundamental para visibilizar que hai mulleres". Xunto a estas seccións, e dada a amplitude de contidos que inclúe www.descubreas.com, lanzarase unha newsletter [boletín informativo] para "colaborar e facer comunidade e redes", a fin de facilitar ás persoas usuarias a información e novidades de todo o que está a acontecer. A presidenta avanzou que "tamén se darán a coñecer novos avances en relación a `Descúbre-as´ o vindeiro martes, 23 de febreiro, cando presentaremos a nosa programación do 8M, que será o proxecto de visibilidade da axenda feminista máis potente que se vai facer en toda Galicia".

A coordinadora do proxecto, Olalla Dopico afondou na plataforma web, un espazo que pretende "amosar de maneira atractiva e útil os contidos para motivar ás rapazas a crear comunidade e participar en proxectos, converténdose nun espazo seguro onde as mozas se sintan acompañadas". Neste eido, a web inclúe novas protagonizadas por artistas femininas do ámbito local e internacional; vídeos de mozas como Mariña, de Furious Monkey House; entrevistas a mulleres do sector que falan das súas inquedanzas e vivencias; unha axenda de eventos e concertos; contidos transversais para que as mozas poidan decidir como achegarse á música; un foro de consultas en liña co asesoramento de músicas profesionais; un directorio de contactos de mulleres da industria musical da provincia de Pontevedra e de Galicia para crear rede; así como información do programa de tutoría, "pioneiro no seu eido", para acompañar ás mozas nos seus primeiros pasos na música. "Hai –asegurou– moita información e por iso imos lanzar unha newsletter [boletín informativo], que enviaremos semanalmente ás persoas subscritas, cun resumo dos contidos máis importantes".

 "Hai unha palabra que define o que estamos a facer na provincia–afirmou Carmela Silva– que é transformar. Pero é imposible transformar o mundo se o 52 % da poboación non ten todos os seus dereitos e por iso, na Deputación, a igualdade é o eixe vertebrador da nosa acción". Baixo esta premisa e partindo dos datos "indignantes" das mulleres na industria musical, pese a que os conservatorios, as escolas de música e os centros de formación "están cheos de nenas e mulleres mozas", xorde o proxecto "Descúbre-as", unha iniciativa que nace de Regalamusica, "dunha sociedade que cree na igualdade e está comprometida coa transformación".

VIGO

Persoal de hospitalización do Meixoeiro mobilízase contra a redución de enfermeiras/os nas quendas de tarde e de noite  

Os cambios da Xerencia tras a individualización das habitacións supón unha sobrecarga de traballo

 

Persoal de hospitalización do hospital Meixoeiro de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización nese centro médico - Foto: CIG

 Infogauda / Vigo 

 Persoal de hospitalización do hospital Meixoeiro de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización no centro médico para rexeitar a redución das presenzas a unha soa enfermeira/o nas quendas de tarde e de noite. Denuncian que os cambios introducidos pola Xerencia tras a individualización das habitacións supón unha sobrecarga de traballo que pode afectar negativamente á capacidade das e dos profesionais de garantir unha asistencia digna, segura e de calidade.   

 A protesta foi convocada pola Comisión de Centro de Atención Hospitalaria da área sanitaria de Vigo para esixir solucións aos cambios de condicións de traballo do persoal de hospitalización do Meixoeiro despois de que o pasado mércores día 10 de febreiro a representación do persoal coñecese a través das traballadoras/as os cambios organizativos que se están a realizar no centro motivados pola individualización das habitacións.   

 Dende a Comisión critican que a Xerencia de Vigo non informase destes cambios organizativos á representación do persoal e inciden en que a individualización das habitacións pode ter efectos positivos no control da infección, “mais a forma na que se está a realizar a reorganización do traballo pode afectar negativamente á capacidade das e dos profesionais de garantir unha asistencia digna, segura e de calidade”.   

 Neste senso, entenden que a redución das presenzas a unha soa enfermeira/o na quenda de tarde e de noite supón unha sobrecarga nun centro hospitalario onde se atende maioritariamente a persoas maiores, dependentes e desorientadas, e ante unha situación de descompensación ou desorientación dalgún/ha dos doentes non se podería atender axeitadamente as necesidades do resto.   

 A Xerencia tira da manga a figura de 'familiar coidador' para xustificar esta medida; con esta figura preténdese responsabilizar os familiares dos coidados profesionais que precisan os doentes no hospital; ademais, trátase dunha medida que require poder ter un familiar con dispoñibilidade 24 horas para poder permanecer no hospital”, sosteñen.   

 Por todo isto, demandan unha rectificación por parte da Xerencia e reclaman o aumento de dúas presenzas de enfermaría nas quendas de tarde e noite; a permanencia das prazas estruturais no hospital do Meixoeiro; e transparencia na xestión da Xerencia da área sanitaria de Vigo