1 de dec. de 2021

PONTEVEDRA

Maica Larriba subliña que os datos poñen en evidencia aos negacionistas da violencia de xénero  

· A subdelegada do Goberno en Pontevedra inaugurou hoxe unha xornada sobre violencia de xénero no ámbito xudicial á que asistiron cerca dun centenar de profesionais da provincia dos ámbitos xudicial, policial e social 

· Larriba destacou que no segundo trimestre de 2021 interpuxéronse no noso país un 20 % máis de denuncias por violencia de xénero que no mesmo período do ano anterior 

· O seminario enmárcase no ciclo de conferencias organizado pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Pontevedra co gaio do 25N 

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, inaugurou hoxe a xornada “A violencia de xénero no ámbito xudicial”. Unha actividade enmarcada no ciclo de conferencias sobre violencias machistas organizado pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra con motivo do 25N.  

 Na xornada, que se celebrou na Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, participaron case medio centenar de profesionais da provincia dos ámbito xudicial, policial e social que asistiron ás ponencias impartidas pola maxistrada do penal especializada en violencia de xénero e xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, e a fiscal da Fiscalía de Vigo Paula Blasco.  

 Durante a súa intervención, Maica Larriba destacou, en primeiro lugar, “a ampla acollida da iniciativa brindada por todos os e as profesionais convidados”, agradecendo así mesmo “á Garda Civil a cesión do seu espazo para poder dar cabida a todos os inscritos e inscritas”.  

 Así mesmo, a subdelegada quixo aproveitar as súas palabras introdutorias “para poñer sobre a mesa algúns datos relativos á violencia de xénero no noso país”. Larriba sinalou que no segundo trimestre deste ano e de acordo as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, “as denuncias por violencia de xénero en España superaron a cifra das 40.000, o que supón un incremento do 20 % sobre os mesmos datos do ano anterior, que coincidiu co final do Estado de Alarma e o confinamento”. 

 A subdelegada indicou ademais que máis do 60 % destas denuncias foron por lesións e malos tratos, un 10 % por quebrantamento das medidas de protección e un 8 % polo quebrantamento de penas. “Cifras que demostran a verdadeira realidade no noso país e que contrastan coas afirmacións daqueles que negan  a violencia de xénero na nosa sociedade”, recalcou. 

 E aportou un dato máis claro “e que ratifica a necesidade de seguir actuando: as condenas no mesmo período deste ano foron a 5.320 homes fronte a 68 mulleres, engadindo que “o 90 % dos homes axuizados resultan condenados”.  

 Así mesmo, a subdelegada  quixo facer especial fincapé no feito de que “o 1,1 % de ordes de protección e de medidas de seguridade que os xulgados decretan sobre mulleres vítimas de violencia de xénero diríxense a menores de idade”, urxindo a reflexionar “sobre o que está a acontecer na nosa sociedade.” 

 Por último, Larriba lembrou “o compromiso da Subdelegación do Goberno de Pontevedra de continuar apostando pola formación de todos e todas as profesionais ligados á protección e defensa da muller ante esta secuela que segue a padecer a metade da poboación deste país”.  

Tres xornadas formativas para sensibilizar sobre a violencia de xénero

 A de hoxe foi a última das tres xornadas formativas sobre violencia de xénero organizadas con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e enmarcadas dentro das actividades de promoción, colaboración e impulso na formación e especialización profesional que teñen encomendadas as Unidades de Violencia sobre a Muller das Subdelegacións do Goberno. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario