O Rosal queda sen sanidade
Hoxe o centro do saúde non tiña ningún médico, nin para consulta nin para urxencias, incumprindo os servizos mínimos
Infogauda / O Rosal
“Novo capítulo de precariedade na atención sanitaria do Rosal. Hoxe o centro de saúde quedou sen ningún médico para consulta nin para urxencias deixando aos máis de 6.000 habitantes do Rosal sen o servizo mínimo recollido por lei”. Iso é o que vén de comunicar o concello rosaleiro este martes día 21 de decembro de 2021.
A maiores, este xornal dixital transfronteirizo ten constancia verbal que no día de onte, un paciente do centro de saúde do Rosal, foi derivado ao centro de saúde de A Guarda.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, denuncia que “os veciños e veciñas do Rosal xa estamos fartos de por en risco a nosa saúde pola constante precarización da Xunta”, e “esiximos unha solución o antes posible”.
A rexedora tamén denuncia que o abandono xa vén de lonxe. Dende o mes pasado o centro de saúde está sen médicos para consulta, despois de dúas baixas, unha de longa duración, ás que a Xunta non substitúe e un posto que aínda non se cubriu con ningún profesional. Todo isto provoca que a veciñanza teña as axendas pechadas e non exista un seguimento dos pacientes “cos riscos que implica”.
O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal levan tempo denunciando a precariedade do sistema sanitario no municipio, xa que os problemas que existían antes da pandemia acentuáronse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel, xunto a unha atención baseada, ata hai pouco, en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.
Ánxela Fernández anima aos veciños e veciñas a sumarse á manifestación de hoxe ás 19.30 horas na Guarda que convocan todas as plataformas pola defensa da sanidade do Baixo Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario