Román Rodríguez salienta o talento do artista vigués Borja Fontán, autor do tapiz que ilustrará o 300 aniversario da Real Fábrica de Tapices
O conselleiro de Cultura mantivo un encontro co autor, un mozo de 25 anos cuxa peza simboliza os valores tanto da xuventude actual como da institución
Infogauda / Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro co artista vigués Borja Fontán, autor do tapiz que será a imaxe conmemorativa do 300 aniversario da Real Fábrica de Tapices.
O titular de Cultura da Xunta salientou o talento deste autor, de tan só 25 anos, que deseñou a peza El tapiz de Elion elixida pola Real Fábrica de Tapices para esta efeméride. Trátase dun deseño exótico e moderno que quere simbolizar os valores da xuventudes actuais, así como da institución destinataria, entre a vangarda e a tradición.
A peculiaridade do tapiz é que se trata dunha obra participativa, que o artista non dará por finalizada ata que non atope os máis de 700 mecenas que a patrocinen. Para iso está en marcha unha plataforma de micromecenado que lle permitirá atopar a este grupo de mecenas, cuxos nomes figurarán no tapiz e que poderán visitar gratuitamente os museos e exposicións nos que se expoña.
O vigués participa así nas conmemoracións desta institución que, con 300 anos de tradición, leva anos tendo un valor esencial na conservación do patrimonio téxtil español. Fundada no século XVIII, a entidade desenvolve a súa actividade vinculada a nomes tan senlleiros como Goya, Bayeu, Gianquinto, Maella, Tenier, Coello ou máis actuais como Juan Gris, Vaquero Turcios, Teresa Sapei, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario