A exposición organizada por Vía Galega ‘Galiza. un Pobo, unha selección', en Vigo da man da Deputación de Pontevedra
A mostra, aberta dende hoxe no CVC de Valadares, reivindica o dereito de Galiza a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas
Fotos: D.PO.
Infogauda / Vigo
A exposición ‘Galiza, un Pobo, unha selección', organizada por Vía Galega e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, está aberta á cidadanía de Vigo no CVC de Valadares co obxectivo de reivindicar o dereito de Galiza a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas e o dereito das galegas e galegos "a sentir as nosas cores, cantar o noso himno, vibrar como público coas nosas seleccións e izar a nosa bandeira".
Na presentación da exposición estiveron o coordinador de Vía Galega en Vigo, Nuno Galán, que fixo de anfitrión, o portavoz da plataforma social Anxo Louzao, e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega. Todos eles salientaron a necesidade de galeguizar o deporte e de reivindicar a Galiza como pobo con soberanía plena tamén no deportivo demostrando "que somos unha potencia".
Vía Galega, plataforma constituída por 61 entidades, ten en marcha unha campaña –da que forma parte a mostra- que ten como obxectivos esixir o dereito de Galiza a poder competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas; reivindicar as seleccións deportivas galegas, tanto masculinas como femininas, en todos os deportes colectivos como un dereito do Pobo galego; contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; pór en valor e potenciar os deportes autóctonos; amosar a potencialidade no ámbito deportivo do país e coñecer a historia deportiva e a importancia para a cultura; galeguizar o deporte galego e promover a normalización; impulsar a igualdade de xénero e a cohesión social nun ámbito como é o deporte; ademais de poñer en valor o deporte de base e potenciar os deportes autóctonos.
Ademais da exposición, que pasará por 35 localidades e consta de 20 paneis explicativos divididos en 17 bloques temáticos, a campaña en favor das seleccións deportivas galegas susténtase tamén nun manifesto, na publicación dunha revista, un xornal nun vídeo- documental, unha canción reivindicativa, e diferentes palestras por todo o país.
Segundo explicou Louzado, Galiza "parte dun contexto, a falta de soberanía nacional, que impíde participara oficialmente, sendo incluso perigoso, competir coas nosas cores, a pesares de sermos referentes e unha potencia a nivel internacional en distintas disciplinas deportivas, tal como se demostrou nos últimos Xogos Olímpicos. A pesares diso, Galiza segue ausente dos podios e a nosa bandeira invisibilizada".
O voceiro de Vía Galega subliñou que "só coas nosas seleccións e os nosos deportistas nos vemos representados como país que somos. Son un símbolo de identidade dun pobo. Un elemento de cohesión social e integración". Na mesma liña, criticou que o goberno do PP tumbou incluso a posibilidade de disputar competicións amigábeis logo do rexurdir da selección de fútbol, que tivo no 2005 no partido entre Galiza e Uruguai en San Lázaro un dos seus momentos máis lembrados.
Pola súa banda, a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quixo participar na inauguración da exposición para amosar o seu apoio e o soporte provincial á campaña. Indicou a súa total coincidencia coa reivindicación de que "Galiza sexa dona de si e manteña relacións de igualdade cos demais pobos do mundo" e destacou que "é preciso facer valer dereitos colectivos para tamén acadar dereitos individuais".
"Formamos parte dunha nación que debe ter vontade de exercer como tal. Temos que desenvolver as nosas potencialidades, e está claro que o deporte é unha delas, sendo como é ademais unha actividade que xera vínculos e símbolos que reforzan a identidade colectiva", apuntou.
Sinalou tamén a importancia do deporte como axente normalizador da lingua galega e agradeceu proxectos e actividades como a impulsada por Vía Galega. "Que o noso deporte fale galego é un valor a coidar e defender. Ninguén, nin na elite, vai ter problemas na súa traxectoria por utilizalo, máis ben supón un plus", salientou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario