18 de nov. de 2021

VIGO

A CIG chama a participar na manifestación deste martes 23  para esixir solucións á situación límite do sector naval 

A marcha a pé arrincará do cruce da Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade 

Infogauda / Vigo

  Unión Comarcal da CIG de Vigo fai un chamamento ao conxunto da veciñanza a participar na  manifestación convocada este martes 23 de novembro para denunciar a grave crise industrial que  padece a bisbarra e esixir solucións inmediatas á situación límite que atravesa o sector naval. A  marcha a pé arrincará do cruce da Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade. 

 O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lamenta que a situación de crise industrial  continúe a agravarse sen que a Xunta do PP nin o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos  “reaccionen e actúen para poñerlle freo”. 

 Sinala que os últimos datos da EPA (do terceiro trimestre deste ano) confirman que non hai ningún  síntoma de recuperación real, máis ben ao contrario. Xa que na cidade de Vigo o emprego industrial continúa por debaixo dos niveis anteriores á crise da covid, que destruíu por volta de 1.400 postos de traballo. E hoxe en Vigo hai 6.100 empregos industriais menos dos existentes en 2009. 

 Para o dirixente sindical é especialmente preocupante a situación límite do sector naval, que corre o  risco de desaparecer tal e como coñecíamos. “Os atrancos da Autoridade Portuaria continúan a  boicotear a recuperación da actividade no antigo Vulcano, e Barreras avanza sen freos cara a un  escenario de liquidación, ao tempo que se mantén a falta de carga de traballo noutros estaleiros  como Metalships e vemos como a industria auxiliar continúa estrangulada por causa da situación  que viven os principais estaleiros”. 

 Neste senso, censura que a inacción de Xunta e Goberno español “vai camiño de convertelos nos  verdadeiros enterradores do sector naval de Vigo, unha actividade estratéxica e imprescindíbel para  o futuro industrial da nosa comarca”.  

 Lembra que a CIG leva moito tempo alertando desta situación límite e esixindo que as  administracións reaccionen e que, diante da incapacidade do capital privado, aposten por unha  decidida intervención pública que blinde o sector e garanta a continuidade da actividade produtiva e do emprego. 

 “Non podemos resignarnos. Non podemos aceptar unha reconversión encuberta que acabe por  afundir definitivamente o naval. Temos que saír ás rúas para defender o naval e loitar polo noso  futuro”, remata

Ningún comentario:

Publicar un comentario