María Vinyals "convocou" ás escritoras da provincia a unha noite meiga e reivindicativa no Castelo de Soutomaior
A que fora propietaria da fortaleza retornou á vida ao fío do Día Mundial das Escritoras para organizar un inimaxinable faladoiro literario entre insignes autoras xa desaparecidas e creadoras actuais como as súas herdeiras, convidando a todas elas a pasar xuntas a noite
Infogauda / Pontevedra
Os centenarios muros do Castelo de Soutomaior foron escenario este luns, ao abeiro do Día Mundial das Escritoras, dun encontro inédito que dificilmente poderá volver a celebrarse. A histórica propietaria do Castelo, María Vinyals, a pioneira activista feminista e muller adiantada ao tempo que viviu nos finais do XIX e principios do XX, decidiu volver das penumbras das murallas onde habita, como contan as lendas, e convocar un sorprendente cumio para un faladoiro literario no que reunirá a escritoras históricas galegas xa desaparecidas do mundo das vivas, e creadoras actuais, amais de nenas e mulleres do pobo de Soutomaior.
A celebración de este insólito encontro, que presidiu a propia María Vinyals xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, tivo lugar ás 19.00 horas deste luns no Salón do Castelo, ao que asistiron escritoras contemporáneas de María como Juana de Vega (A Coruña, 1805), Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851), Concepción Arenal (Ferrol, 1820), Filomena Dato (Ourense, 1856), Rosalía de Castro (Santiago, 1837) e Sofía Casanova (A Coruña, 1861), amais de tres escritoras nadas xa no século XX como Pura Vázquez (Ourense, 1918), Concha Castroviejo (Santiago, 1910) e Xela Arias (Lugo, 1962).
Xunto a elas, participaon no faladoiro literario autoras actuais que, a día de hoxe, representan boa parte do panorama literario e feminista galego, e que poden considerarse herdeiras das primeiras, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Edurne Baines, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, Regina Vega, Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Mariana Carballal.
Foi un encontro histórico de mulleres creadoras que nunca coincidiron e con ningunha probabilidade de que poidan volver a facelo, nunha tarde e noite máxicas nas que tamén participaron nenas e mulleres do pobo de Soutomaior, veciñas de María Vinyals, para as que a chamada "Marquesa Roxa" exixiu sempre a mesma educación e instrución que a que recibían os homes. O acto contou tamén con música porque María Vinyals convidou ao encontro á soprano Esperanza Mara, en homenaxe e lembranza da súa amiga a tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto o escultor Mariano Benlliure.
A celebración, amais de máxica, tamén foi reivindicativa e sorprendente. Todas elas, as escritoras que volven das sombras nas que moran para esta inimaxinable reunión, xunto as creadoras actuais e a presidenta da Deputación, pasarán a noite no Castelo. Aínda que antes de durmir haberá tempo para o debate e a reflexión que rematará, á hora bruxa da medianoite, coa sinatura dun documento que se presentará o próximo martes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario