26 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal queda sen médicos para consulta  

O Concello denuncia que só contan cun médico desprazado para a atención de urxencia e que “a situación é moi preocupante”.

   

Unha pancarta colocada na fachada principal da Casa do Concello do Rosal, resume á deficitaria situación da sanidade pública no termo municipal

Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 “Novo episodio de precariedade na sanidade pública do Rosal. O centro de saúde acaba de quedarse sen médicos para consulta, despois de dúas baixas, unha de longa duración, ás que a Xunta non substitúe e un posto que aínda que non se cubriu con ningún profesional”. Esa é a situación, segundo vén de facer público na tarde deste venres día 26 de novembro, o Equipo de Goberno local, que preside a alcaldesa Ánxela Fernández. Asemade,“o Concello denuncia que o municipio soamente conta cun profesional desprazado para atender urxencias”, e afirman que este é “un paso máis da precarización á que estamos sometidos”. A alcaldesa, Ánxela Fernández, xa solicitou unha reunión urxente con Consellería de Sanidade para solucionar a problemática, e espera que esta situación, “moi preocupantel para a nosa veciñanza, remate o antes posible”.  


Pancarta situada diante do consultorio de San Miguel

 O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal levan tempo denunciando “a precariedade do sistema sanitario no municipio, xa que os problemas que existían antes da pandemia acentuáronse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel, xunto a unha atención baseada, ata hai pouco, en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde”.  

 O pleno do Concello instou fai menos dun mes á Xunta “ao incremento de maneira urxente do presuposto sanitario destinado a Atención Primaria para que represente un 25 % do total en cinco anos, xa que, con esta alza, sería posíbel contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, e a poñer en marcha o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde da Área Sanitaria, para actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde”. 

 Ánxela Fernández incide en que “os veciños e veciñas do Rosal xa estamos fartos de por en risco a nosa saúde pola constante precarización da Xunta”, e “urxe a unha solución o antes posible”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario