10 de nov. de 2021

O ROSAL

A exposición da obra pictórica de Ramón Trigo estará no Rosal ata o 20 de novembro  

A veciñanza poderá visitala de luns a venres de a 18.00 a 20.00 horas e sábados de 11.00 a 13.00 h nos baixos do Concello  

 

Unha das obras de Ramón Trigo
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 A obra pictórica de Ramón Trigo pode visitarse no salón de exposicións do Concello do Rosal ata o vindeiro 20 de novembro. A entrada é de balde e estará aberta de luns a venres de 18.00 a 21.00 horas e os sábados de 11.00 a 13.00 h. O concelleiro de Participación, Ramón Fernández Leal, anima á veciñanza a asistir e desfrutar “da obra dun gran artista que centra as súas pinturas na ría de Vigo e no Baixo Miño”.  

 Ramón Trigo inaugurou a exposición xunto ao seu irmán Xosé Manuel o pasado venres, cando presentaron, xunto ao Colectivo Carballas, tres novelas gráficas inspiradas en sucesos da comarca e da cidade olívica. “O burato do inferno” trata sobre o fenómeno do contrabando no Baixo Miño e no norte de Portugal, “Ricardo Mella, o home novo” relata a vida do escritor e pensador libertario, un dos teóricos máis brillantes do anarquismo español e natural de Vigo, e “Lobada” debuxa a historia da II Guerra Mundial en Galicia, concretamente na cidade olívica. 

 Ramón Trigo é un artista de formación artística autodidacta, a súa vocación maniféstase na escola, na que sendo un neno comeza a debuxar cómics dunha maneira case compulsiva. Con dezaoito anos logra que os seus cómics publíquense no xornal Faro de Vigo, e en 1984 participa na súa primeira mostra colectiva de cómic na Universidade Popular. A súa primeira exposición individual realízaa na Casa da Cultura de Vigo en 1990. Logra un temperán recoñecemento co Premio Arte  Xoven  Galego (Vigo, 1989), ao que lle seguen outros como o destacado Premio de Pintura Ademar- Champagnat (Vigo, 1994), e tamén obtén unha serie de galardóns polos seus libros ilustrados; xénero no que cultiva un destacado éxito.   

 No seu traballo aterna a pintura e a escultura coa ilustración, o cómic, a animación,…, pois considera todas estas disciplinas “parten dunha mesma tolemia”. Dentro do universo das artes plásticas traballa principalmente o debuxo e a pintura, e interésase especialmente pola figura humana —en concreto o espido—, a paisaxe —cunha gran presenza de mariñas— e o bodegón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario