11 de nov. de 2021

O BAIXO MIÑO

Catro autobuses sairán do Baixo Miño para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago de Compostela  

A Mancomunidade puxo a disposición da veciñanza este transporte gratuíto para facilitar os desprazamentos  






Infogauda / Tomiño

 Este domingo 14 de novembro sairán catro autobuses do Baixo Miño con veciños e veciñas da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará a partir das 12.00 horas en Santiago de Compostela.  

 A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño puxo a disposición da veciñanza este transporte gratuíto para facilitar á veciñanza dos catro concellos o desprazamento ata o punto de saída da manifestación. As persoas interesadas poderán solicitar a súa praza ata este venres 12 ás 12.00 horas do mediodía a través do formulario habilitado na web municipais e da propia Mancomunidade.  

 No Rosal o bus sairá da Praza do Calvario ás 09.45 horas e fará paradas en: 

- parque de Pías. 

- parada de autobús da alameda de San Miguel. 

- parada de San Xoán de Tabagón. 

 En Tomiño o autobús sairá ás 10.00 horas do Auditorio de Goián e fará paradas nas marquesinas situadas nas estradas en: 

- Figueiró. 

- Estás. 

- Seixo (rotonda Avenida). 

- Forcadela. 

- Carregal. 

- Amorín. 

- Currás. 

- Sobrada Torrón.  

 Ás 09.45 h tamén sairá o transporte dende o Centro Cultural da Guarda, da parada de autobús da rúa Rosalía de Castro, con parada única. 

 En Tui tamén será saída única ás 10.15 horas dende a parada de autobús da rúa Ourense. 

 Prégase a máxima puntualidade na saída dos autobuses. A hora de regreso será ás 16.00 h e o punto de encontro para a saída confirmarase na viaxe de ida.  

 Dende a Mancomunidade reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. Aos recortes súmase a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa pouco persoal sanitario dispoñible e longas esperas para obter unha cita. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario