Xunta de Galicia e Editorial Galaxia reeditan tres clásicos de Xosé Neira Vilas
O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á presentación das novas edicións de ‘Camiño bretemoso’, ‘Remuíño de sombras’ e ‘De cando o Suso foi carteiro’
O Goberno galego tamén colabora no concerto homenaxe da Fundación Neira Vilas e Edicións Embora con motivo do sexto aniversario do pasamento do escritor
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación das novas edicións que Editorial Galaxia en colaboración coa Xunta de Galicia elaborou das obras Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando o Suso foi carteiro, da autoría de Xosé Neira Vilas, un dos escritores máis sobranceiros do noso país.
Reedición de tres clásicos da literatura galega
A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo.
Figura clave das nosas letras
Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi un escritor, ensaísta e xornalista galego. Membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, deixou como legado unha extensa obra literaria na que destacan as Memorias dun neno labrego, a novela galega máis traducida e reeditada da historia das nosas letras, publicada por primeira vez en Arxentina en 1961.
Ao longo da súa vida, Neira Vilas recibiu numerosos galardóns e recoñecementos como a Medalla Castelao ou o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario