25 de nov. de 2021

A GUARDA

A Guarda ten todo disposto para homenaxear a Eliseo Alonso   

• Será este sábado día 27 de novembro, ás 11:00 horas, cando o Pleno da Corporación Municipal nomeará a Eliseo Alonso Rodríguez, Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda. 

• Realizarase a inauguración de dúas exposicións, que estarán ata o vindeiro 9 de decembro, na Casa dos Alonso


Infogauda / A Guarda 

  O vindeiro sábado día 27 de novembro de 2021, A Guarda tributará unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez. A xornada conta cun programa de actividades que arrancará ás 11:00h cunha sesión plenaria extraordinaria da Corporación Municipal, que se celebrará no Salón de Plenos da Casa do Concello (Praza do Reló, nº 1), na que se nomeará a Eliseo Alonso, Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda.  

 Neste pleno tan especial contarase coa asistencia de familiares e achegados, e os asistentes recibirán un exemplar do libro “Gamelas e Mariñeiros”, traducido ao galego por Ramón Quiroga, e editado e impreso pola Deputación de Pontevedra.  

 De seguido procederase á inauguración dunha exposición de filatelia, adicada ao insigne escritor, etnógrafo, poeta e xornalista, contando coas intervencións de Marta Verde Rodríguez, secretaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (SFNG); Enrique Pérez Martínez, presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), e Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda. 

 Asemade porase en circulación un selo conmemorativo, así como un enteiro postal, sobre e cuño postal, adicados a Eliseo Alonso.

 Nesa exposición filatélica participarán as coleccións "Enteiros postais ilustrados de España", de Luciano Lomba Vicente; “Entretementos”, de Marcelino Portela Lorenzo; “Ao son da gaita” de Marta Verde Rodríguez; “O fechador de 1842 en Galicia”, de José Ángel Gándara Rodríguez; “Jack. Unha historia inacabada”, de Teodosio González Ferreira; “Terra Australis Ignota”, de Almudena Taboada Lago; “Izando velas, descubrimos e comerciamos”, de Cristina Domínguez Rotea; “Lorca e a súa contorna”, de Alfonso Dorado Senra; e “Escritores galegos”, de Antonio Martínez Martínez.  

 A continuación realizarase a inauguración da exposición, titulada “Eliseo Alonso: Camiñando cara ao mar da Guarda”, que mediante paneis amosarase unha reseña biográfica do polígrafo goianés, así como unha síntese do seu labor nos diferentes eidos nos que Eliseo Alonso proxectou seu labor literario e xornalístico, tanto dende seu Goián natal, como máis aló da nosa Terra, mar por medio. Nesa mostra tamén estarán expostas todas as obras da súa producción literaria, en narrativa, ensaio, poesía,..., así como exemplares de comunicacións da autoría de Eliseo Alonso presentadas en diferentes congresos e coloquios, celebrados tanto en Galicia como en Portugal; artigos de prensa publicados en diferentes medios de comunicación (ABC, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Progreso,...); un volume no que se recolle de xeito facsimilar a revista Mundo Gallego, que Eliseo Alonso fundou e dirixiu en Buenos Aires; exemplares de libros-programa das Festas do Monte Santa Trega, e das Festas do Carme, nos que colaborou en varias ocasións; exemplares de publicacions doutros autores (Francisco Álvarez-Koki, Florindo Álvarez Martínez, Luis Manuel García Mañá,..), que foron prologados por Eliseo Alonso; fotografías, documentos,... 

 Dese xeito, grazas ao traballo realizado pola Comisión da Homenaxe a Eliseo Alonso, a mostra biobliográfica ten como obxectivo ofrecer a toda á cidadanía, un percorrido pola súa andaina creativa, e amosar as diferentes disciplinas nas que o autor miñoto adicou súa producción ao longo da súa vida.  

 Estas exposicións estarán na Casa dos Alonso dende o sábado 27 de novembro ata o xoves día 9 de decembro, cun horario de visita de luns a venres de 11:00 a 13:00 horas; e os sábados, domingos e festivos, en horario de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas.  

 O acceso aos actos na Casa dos Alonso realizarase con invitación previa, debido a motivos de aforo.

 Finalizadas as actividades programadas na Casa dos Alonso, a xornada de homenaxe continuará  no Paseo Marítimo da vila, onde arredor das 13:30h, está prevista a descuberta dunha escultura adicada a Eliseo Alonso. Trátase dunha peza creada en pedra do país, pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. Por tratarse dun evento ao aire libre, será un acto aberto a toda a cidadanía, que contará coa presenza de Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario