A praza de Avelino Vicente converteuse nun novo punto neurálxico da vila
As seguintes actuacións que o goberno local, presidido por Antonio Lomba ten programadas son: a humanización do entorno da igrexa parroquial; a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde e a redacción do proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso
Infogauda / A Guarda
A humanización da rúa Concepción Arenal converteu a praza de Avelino Vicente nun verdadeiro punto neurálxico da vila. Un novo eixe da vida social Guardesa.
Na actualidade a praza de Avelino Vicente é un espazo para reunión e o desfrute da cidadanía, que se emprega cada vez máis para a realización de eventos coma presentacións, actos culturais, de promoción económica e talento, feiras ou concertos. Un verdadeiro espazo social para uso e goce dos veciños e veciñas.
Trátase dun espazo moi céntrico, que grazas ao seu deseño con árbores, mobiliario e xardineiras está sendo moi utilizado pola cidadanía guardesa. As terrazas alí emprazadas posibilitan ademais o esparcemento e desfrute tanto de familias como dos visitantes e turistas que téñense achegado ata nosa localidade.
Ao longo deste 2021 a praza de Avelino Vicente acolleu o II Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño; actuacións musicais promovidas polo CIM (Centro de Información á Muller); concertos; saídas e metas de eventos deportivos; Mostra Creativa do Baixo Miño; entre outros. Tamén está previsto realizar nesta contorna urbana parte da programación de outono e do Nadal 2021/22.
Grazas a humanización da rúa Concepción Arenal xeráronse espazos de uso peonil dos que destaca a praza de Avelino Vicente. A humanización doutro punto neurálxico, a praza do Reló, está xerando tamén ao seu arredor rúas de preferencia peonil.
"O equipo de goberno municipal seguirá humanizando e gañando espazos públicos para a cidadanía, co obxectivo de crear focos de atracción para as persoas, configurar unha vila máis amable, mellorar a calidade de vida da cidadanía e poñer o noso humilde gran de area para a loita contra o cambio climático fomentando a mobilidade peonil fronte ao uso do vehículo particular", indican desde o executivo municipal de A Guarda.
As seguintes actuacións que o goberno local, presidido por Antonio Lomba ten programadas son: a humanización do entorno da igrexa parroquial; a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde e a redacción do proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso, tamén coñecida como Praza Nova. Para a redacción deste proxecto o concello conta co financiamento da Deputación de Pontevedra por ser unha vila da rede Ágora pola valorización do espazo público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario