8 de nov. de 2021

A GUARDA

O goberno guardés apoia a manifestación en favor da atención primaria na sanidade 

• O Equipo de goberno presidido por Antonio Lomba, aprobou en Xunta de Goberno unha declaración institucional de apoio a manifestación convocada para o día 14 de novembro, as 12 h, en Santiago de Compostela. 

• O alcalde de A Guarda ofrece á Xunta de Galicia toda colaboración municipal para construír na Guarda un Centro Integral de Saúde. 


O alcalde e membros do goberno municipal de A Guarda nunha xuntanza de traballo
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Dende fai anos o goberno municipal de A Guarda vén reclamando á Xunta de Galicia, por distintas canles, a mellora da atención primaria para a localidade. "A situación da sanidade na Guarda, lonxe de mellorar, estase convertendo nun problema crónico ao que os responsables do SERGAS non dan solución. De todas as demandas que o alcalde e o persoal dos servizos sanitarios fan continuamente a máis importante é a falta de persoal. Non cubrir baixas ou vacacións, facer contratos precarios, sobrecargar aos sanitarios con cupos de outros compañeiros ou compañeiras, conleva un deterioro da atención intolerable, con esperas para as consultas dos veciños e veciñas inadmisibles", indican desde o executivo municipal de A Guarda.  

 Por esta "situación precaria que se vén dando dende fai moito tempo na Guarda, o Goberno Municipal apoia a solicitude da plataforma SOS Sanidade Pública para a manifestación do domingo 14 de novembro" baixo o lema “Salvemos a Atención Primaria”. 

A MANCOMUNIDADE DO BAIXO MIÑO POÑERÁ AUTOBUSES DE BALDE PARA DESPRAZARSE A SANTIAGO

 O mesmo problema que está a sufrir A Guarda estase a producir noutros concellos da comarca. Dada esta situación os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño tomaron a decisión de apoiar tamén a manifestación e, igual que sucedera na do pasado 30 de setembro, a Mancomunidade poñerá a disposición dos veciños e veciñas dos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, autobuses de balde para poder desprazarse a Santiago o próximo día 14 de novembro. 

 "Neste senso asistimos estes días ao anuncio de que a Xunta ten previsto facer na Guarda un centro integral de saúde (CIS). Dende logo que nos da satisfacción este recoñecemento implícito por parte da Xunta de Galicia de que a situación da Atención Primaria na Guarda está mal e ten moito que mellorar. Levamos moitos anos demandando melloras e aumento nos servizos do noso Centro de Saúde. Ata agora os responsables do SERGAS nunca atenderan as nosas demandas. Por fin se dan conta de que estamos a moito tempo de Vigo, de que necesitamos, entre outras cousas, un servizo de radioloxía, un segundo equipo para o PAC e un edificio en mellores condicións. Dende logo non tería ningún sentido unha mellora da infraestrutura se non mellora o servizo, por iso seguiremos demandando unha atención primaria de calidade", afirman desde o Equipo de Goberno de A Guarda.

 Para poñer en marcha o CIS de A Guarda, o alcalde, Antonio Lomba, xa se puxo en contacto co Conselleiro de Sanidade, Julio García, para poñer data dunha reunión de traballo, necesaria para empezar a dar os primeiros pasos. O alcalde ofrece "total colaboración institucional para levar adiante este proxecto".

Ningún comentario:

Publicar un comentario