1 de out. de 2021

VIGO

A CIG denuncia a falta de persoal de mantemento no  servizo de Deportes do Concello de Vigo 

Advirte do abandono das instalacións deportivas por non  acometer as actuacións necesarias dende hai anos 

Infogauda / Vigo

 A sección sindical da CIG no Concello de Vigo denuncia a falta de persoal de mantemento no  servizo municipal de Deportes, o que está a provocar o abandono das instalacións deportivas  da cidade por non acometer as actuacións necesarias dende hai anos. Advirten da existencia  de deficiencias tan graves que provocarán a suspensión de competicións deportivas e critican  “a deixadez e o abandono” do deporte por parte dos responsábeis municipais. 

 Dende a central explican que en 2011 o Servizo de Deportes (antes IMD) contaba con máis de 20 efectivos encargados das tarefas de mantemento. Mais dende a absorción deste organismo  por parte do Concello, o cadro de persoal foise reducindo (falecementos, xubilacións,  incapacidades, etc) sen que se fixesen contratacións. En consecuencia, na actualidade só hai  dous oficiais que se encargan de realizar o mantemento de máis de 30 instalacións deportivas  (pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo, etc). 

 Ao mesmo tempo, lembran que a CIG leva varios anos solicitando que se cubran todas as  baixas que se producen no servizo, sen obter resposta por parte dos responsábeis municipais.  E iso a pesar de que a principios de ano acordouse nunha mesa de traballo -na que  participaron a dirección do servizo de Deportes, recursos humanos e o comité de persoal do  Concello de Vigo- a incorporación inmediata dun mínimo de 12 efectivos para solucionar os  problemas o máis axiña posíbel. “Mais isto non se levou a cabo, e descoñecemos cal é o  motivo ou interese de non facer as contratacións; o que si sabemos é que as instalacións  continúan a deteriorarse, cando o deporte foi declarado actividade esencial”. 

 Até o punto de que a día de hoxe xa existen instalacións con deficiencias tan graves que  provocarán a suspensión de competicións deportivas por falta de iluminación, cubertas en mal  estado, equipamentos deteriorados ou perigo por risco de caída de cerramentos e valados. 

 Por todo isto, a sección sindical da CIG no Concello de Vigo decidiu facer pública a necesidade  urxente de incorporar persoal no servizo de Deportes e denunciar “a deixadez e o abandono”  que está a padecer o deporte na cidade 

Ningún comentario:

Publicar un comentario