13 de out. de 2021

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra presenta denuncia polas pintadas aparecidas no edificio Fernández López 

Na mañá de hoxe entregáronse fotografías dos danos ocasionados á brigada xudicial que leva os temas de Patrimonio  


Dende o Museo xa se deu orde para a limpeza das pintadas
Foto: Museo de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra 

 O Museo de Pontevedra vén de formalizar hoxe a denuncia en Comisaría polas pintadas aparecidas na noite do luns ao martes no edificio Fernández López, un inmoble que pertence ao conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC).  

 Segundo manifesta a dirección do Museo, o protocolo activouse xa no día de onte pola mañá, cando tras comprobar o sucedido os feitos foron postos en coñecemento da Policía de maneira verbal. Non foi ata hoxe a primeira hora cando se formalizou a denuncia por escrito fisicamente nas instalacións policiais, onde se entregaron fotografías dos danos para a tramitación por parte da brigada xudicial que se encarga de levar as cuestións de Patrimonio.  

 Dende o Museo xa se deu orde para a limpeza das pintadas, mais esta non se realizará de maneira inmediata á espera de que poida ser necesaria unha inspección ‘in situ' que complemente ás imaxes fotográficas. 

 "Tristura infinita" foi a expresión utilizada dende a institución museística para cualificar os danos, que practicamente afectaron á totalidade da parede do edificio Fernández López na que se bifurcan as rúas Pasantería e Laranxo, cun graffiti central e varias palabras e firmas rodeándoo.  

 A aparición de pintadas nos inmobles do Museo tivo acontecido noutras ocasións, máis non coas dimensións da que apareceu trala madrugada de onte martes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario