16 de out. de 2021

PONTEVEDRA

Valentín García define a toponimia como 'unha das grandes riquezas' do idioma galego e pon en valor o traballo da Xunta pola súa recuperación  

O secretario xeral de Política Lingüística participou na VI Xornada de Onomástica Galega celebrada no Museo de Pontevedra, que nesta edición está centrada no estudo dos nomes de lugares que atravesan o Camiño de Santiago 


Infogauda / Pontevedra

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na mesa redonda que clausurou a VI Xornada de Onomástica Galega, coorganizada pola Real Academia Galega (RAG), a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra.

 Centrada nos estudos toponímicos do Camiño de Santiago e na posibilidade de que Galicia se constitúa como centro de estudos onomásticos en toda Europa, a mesa, moderada pola académica Luz Méndez, contou tamén coa participación de Gonzalo Navaza, membro da RAG; Cristina Sánchez Carretero, antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, e Eduardo López Pereira, membro da Academia Xacobea.

 O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo agradecerlle á RAG, e moi especialmente ás coordinadoras da xornada, Ana Boullón e Luz Méndez, “o convite para falar sobre o proxecto Toponimia de Galicia e, máis concretamente, sobre a participación da Xunta nunha iniciativa tan fermosa e frutífera como é Galicia Nomeada, unha proposta moi innovadora que, posta en marcha desde Galicia, valeu de modelo para outras comunidades autónomas que se teñen interesado pola iniciativa”. “A toponimia é unha das grandes riquezas do noso idioma e cómpre buscar métodos de actuación que nos permitan recuperala e fixala sen que pase moito tempo”, concluíu Valentín García.

'Galicia Nomeada'

 Galicia Nomeada é o nome que recibe a aplicación colaborativa para teléfonos intelixentes que se comezou a deseñar en 2017 co fin de recoller e xeorreferenciar a microtoponimia galega. Neste sentido, a posta en funcionamento desta plataforma, que ten tamén como obxectivo difundir todo o patrimonio inmaterial asociado á toponimia, supuxo un paso xigante no proceso de arquivo e conservación do inmensamente rico patrimonio toponímico galego.

 A aplicación, cuxo desenvolvemento foi posible grazas á achega da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está dispoñible desde o 20 de decembro de 2019 en versións para IOS e Android nas tendas de aplicacións para teléfonos móbiles intelixentes e conta, na actualidade, con 2.236 usuarios colaboradores rexistrados que introduciron un total de 29.690 topónimos, moitos deles acompañados de audicións, fotografías, documentos ou vídeos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario