2 de set. de 2021

TOMIÑO

A OMIX de Tomiño organiza unha xornada de adopción canina e felina, este sábado na Praza do Seixo  

O Concello comprométese a castrar aos animais sen custe algún para as persoas que adopten. Os voluntarios e voluntarias pretenden ademais crear unha listaxe de persoas dispostas a adoptar  



  

Infogauda / Tomiño

 O Grupo de Voluntariado da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, organiza unha xornada de adopción canina e felina, que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de setembro.  

 Ante o abandono animal que non para de aumentar ano tras ano, especialmente na tempada de verán, a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño, organiza coa colaboración do seu grupo de voluntariado, unha xornada de adopción de cans e gatos que terá lugar entre as dez da mañá e as dúas da tarde, na Praza do Seixo.   

 A actividade conta tamén ca colaboración desinteresada de protectoras e veterinarias ás que agradecen o seu gran traballo.  As persoas que non poidan adoptar poden participar aportando material novo ou usado en bo estado que xa non utilicen (xoguetes, correas, transportín, camas, mantas, etc.).  

 Existe a posibilidade de adoptar un animal da protectora ou un gato ou gata procedente de colonias de familias que viven na rúa. O Concello comprométese a castrar aos animais sen custe algún para as persoas que adopten. Os voluntarios e voluntarias pretenden ademais crear unha listaxe de persoas dispostas a adoptar.  

 Dende a OMIX Tomiño lembran que "o abandono é un delito e que adoptar é un acto de responsabilidade, solidariedade e humanidade gratificante, no que hai que ser conscientes de que un animal non é un xoguete e necesita que os donos se ocupen del e o coiden durante toda a súa vida".

Ningún comentario:

Publicar un comentario