21 de set. de 2021

SALVATERRA DE MIÑO

A Deputación de Pontevedra adxudica a mellora da mobilidade peonil na EP-4006 no treito antigo do colexio de Leirado


A presidenta da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa desta mañá
Foto: D.PO.


Infogauda / Salvaterra de Miño 

 Salvaterra de Miño xa ten adxudicada a mellora da mobilidade peonil na EP-4006 no treito antigo do Colexio de Leirado, unha obra que ascende a 186.000 euros e que está financiada nun 80% pola Deputación de Pontevedra (148.800 €) e nun 20% polo concello de Salvaterra. Así o anunciou a presidenta provincial, Carmela Silva, tras aprobación desta adxudicación na última sesión da Xunta de Goberno.  

 As actuacións, enmarcadas no modelo de mobilidade sostible, segura e amable da Deputación de Pontevedra, servirán para mellorar a seguridade e mobilidade das persoas ao realizar un camiño escolar seguro cara o colexio de Leirado. Ademais, executarase unha senda peonil de 2,5 m de ancho dende o CEIP ata o cruce coa PO-402, reducirase a velocidade a 30 km/h diante do centro escolar e executarase un paso sobreelevado para dar acceso ao alumnado do colexio de forma segura.  

 Tamén se creará unha beirarrúa de formigón coloreado que dea continuidade ao itinerario peonil e unha zona de estacionamento de autobuses segura e ben delimitada á beira do colexio. Finalmente, as obras contemplan a execución dunha nova rede de pluviais, amais dunha nova capa de rodadura e novo pavimento, pintado e sinalización horizontal e vertical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario