Preto de 2.000 persoas participaron este verán en "Tras as Ameas" e "Música no Ar"
Os espectáculos culturais da Deputación chegaron a todas as comarcas da provincia, e completaron os aforos reducidos este ano polas restricións da pandemia
Infogauda / Pontevedra
Preto de 2.000 persoas participaron nas actividades de dous dos programas estrela da Deputación de Pontevedra para Aviventar Cultura neste 2021, "Música no Ar" e "Tras as Ameas", que este verán encheron de música, teatro, animación e circo todas as comarcas da provincia. En total, en ámbalas dúas iniciativas programáronse 23 espectáculos nos que completouse o aforo de asistencia, este ano reducido polas restricións sanitarias.
Máis polo miúdo, o programa "Tras as Ameas" levou este ano 12 espectáculos multidisciplinares ás contornas singulares dos castelos de Soutomaior e Sobroso, onde se deron cita preto de 750 persoas desde o mes de xuño, completando o aforo máximo dispoñible. O programa remata este mércores coa actuación de Vero Rilo e Penadique, que porán en escena "Asdomare" ás 19 horas. Os espectáculos das compañías Su-Ma, do mago Pedro Volta e Trilitrate foron os máis seguidos en Soutomaior, onde tamén actuaron con enorme éxito Aldaolado, Teatro Ghazafelhos e desenvolveuse o taller familiar de Pilar Alonso. En Sobroso tiveron unha grande acollida a gala de circo, o espectáculo de Píscore e o do mago Paco, os contacontos de Caxoto ou o obradoiro impartido por Taller Abierto.
No caso de "Música no Ar", a institución provincial programou un total de 11 espectáculos en lugares patrimoniais doutros tantos concellos, nos que se deron cita desde xullo e ata este mes de setembro un total de 1.090 persoas. O maior aforo deuse nas actuacións celebradas na Estrada (Pazo de Oca), con Javier Otero e Rubén Iglesias, e na praza da Catedral de Tui, con Ana Belén Rodríguez Trío, completando o aforo máximo nestas contornas. Tamén tiveron unha excepcional acollida os espectáculos programados en Gondomar, con Suelen Estar Quartet; A Cañiza, con Samudra Trío; Cambados, onde actuaron Estefanía Cereijo e Esperanza Mara e Cangas, con Raíces Aéreas. A programación completouse coas actuacións de Vertixe Sonora (Pontecesures); Clara Pino e Pablo Vidal (A Lama); Pulso Ensemble en Soutomaior; Brais González e Beatriz Arenas (Silleda) e Odaiko Percusión (Mondariz).

Ningún comentario:
Publicar un comentario