24 de set. de 2021

PONTEVEDRA

O proxecto “O teu Xacobeo 2021” da Xunta de  Galicia e Cruz Vermella remata a segunda edición  con máis de 550 participantes, 50 persoas da  comarca de Baixo Miño 

• O 15 de maio de 2021 deu inicio o proxecto “O teu Xacobeo, O Noso Camiño con  Cruz Vermella” financiado pola Xunta de Galicia, con 15.500 € e no que  participaron máis de 550 persoas usuarias da institución.  

• Este sábado sairá un autobús dende A Guarda a Santiago de Compostela para finalizar o proxecto, realizando un traxecto de entrada na cidade  compostelá. 

• O 24 de setembro rematou o prazo para participar no concurso de debuxo  para usuario de Cruz Vermella cuxa temática é o Ano Xacobeo e o Camiño de  Santiago  


Infogauda / Pontevedra

 Por segundo ano, Cruz Vermella e a  Xunta de Galicia sacan adiante o proxecto “O teu Xacobeo”. Con esta iniciativa  búscase fomentar a inclusión e participación activa dos colectivos que atende a  ONG: voluntariado, xuventude, persoas maiores, inmigrantes,..., potenciando o  valor do Camiño de Santiago. A iniciativa está promovida e financiada pola  Xunta de Galicia e conta cunha aportación de 15.500 euros.  

 Os participantes percorreron diferentes variantes do Camiño, pasando polos concellos de Pontevedra, Tui, Catoira, Cambados e a Illa de Arousa, entre outros.  Foron un total de 14 saídas repartidas entre o 15 de maio e o 25 de setembro  de 2021. As últimas saídas fixéronse este venres e sábado. O sábado sairá un  autobús dende A Guarda rumbo a Santiago para xuntarse cos grupos de Vigo e Ponteareas, e dar peche á edición.  

 O proxecto tivo moita aceptación por parte dos participantes: A saída foi  estupenda. Repetiría, gustaríame seguir facendo o camiño, así, por etapas. Ir  facendo outros 5 ou 6km, ata terminar o camiño”. Comentaba unha das participantes usuarias do programa de persoas maiores.  

 Outra das participantes, neste caso do programa de inclusión, facía fincapé nas  ganas que tiña de seguir coñecendo a zona, xa que por motivos do COVID-19 esta  era a súa primeira saída turística: A min pareceume unha experiencia realmente marabillosa, xa que eu levo un ano e medio acá, cheguei cando estaba a iniciar a pandemia e esta é a miña primeira saída turística para coñecer as marabillas que ten Vigo e os seus arredores. Estou encantada e espero que me sigan convidando e avisando das actividades que hai.”    

 O obxectivo destas saídas é potenciar o valor do Camiño de Santiago como  unha oportunidade de participación social que promova o valor cultural de  Galicia, a través de hábitos de vida saudables, protexendo o entorno e  promovendo espazos de ocio alternativos e interacción social, así como a inclusión  dos colectivos vulnerables e o seu acceso a os recursos de ocio, culturais e de  patrimonio coma o resto de cidadáns.  

 Dentro deste marco, e como actividade para finalizar a edición, dende a Xunta  e Cruz Vermella organizaron un concurso de debuxo para todos os usuarios  da ONG, co que pretenden dar a coñecer o rico patrimonio que ofrece o Camiño  de Santiago. 

 A temática é o Ano Xacobeo e o Camiño de Santiago a través do cal pretenden que  os participantes dean a súa visión do Camiño. A técnica artística a empregar é de  libre elección e as categorías para participar divídense por rangos de idade: infantil  (6-12 anos), xuvenil (13-18 anos) e adultos (maiores de 18 años). Os gañadores  recibirán un obsequio e as obras gañadoras serán publicadas no calendario  de Cruz Vermella do próximo ano.  

 Durante o ano 2019 desenvolveuse a primeira edición deste proxecto, no que  participaron 434 persoas pertencentes aos distintos colectivos que atende a  organización chegadas dende todas as asembleas comarcais de Cruz Vermella na  provincia, igual que na segunda edición: Baixo Miño, O Condado, Vigo, Redondela,  O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Lalín e Pontevedra. O proxecto tivo unha gran  acollida, e realizouse seguindo as pautas e normativas por COVID-19, gardando a  distancia social necesaria para no poñer en perigo a ningún dos participantes.  

 Para inscricións ou máis información sobre as actividades levadas a cabo en Cruz Vermella Pontevedra podes contactar a través do Facebook provincial “Cruz Roja  Española en Pontevedra”, chamando a túa asemblea local ou a través da páxina  web www.cruzvermella.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario