Segue a medrar o paro entre as mulleres a pesar do leve descenso do desemprego rexistrado en agosto en Galiza
A temporalidade aumentou un 25% neste período e unicamente un 7,6% dos novos contratos foron indefinidos
Infogauda / Galiza
“As cifras do paro do mes de agosto en Galiza seguen a evidenciar unha evolución moi preocupante do mundo do traballo, cun aumento da precariedade e da temporalidade, especialmente entre as mulleres. Até o punto de que o desemprego feminino incrementouse un 0,3% a pesar do leve descenso do paro rexistrado neste período”. Esa é a análise que vén de facer Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG.
“Agosto rematou con 151.264 persoas rexistradas como paradas no SEPE no noso país, un 0,44% menos que no mes de xullo, o que supón un descenso de 670 persoas. Trátase dunha baixada moi inferior á media estatal, onde a caída foi do 2,42%.
As diferenzas son notables entre as distintas provincias: Pontevedra foi na que se rexistrou o maior descenso (-1,02%), mentres que en Ourense as persoas anotadas como paradas aumentaron un 0,51%. Tamén subiu o paro entre as persoas desempregadas que nunca traballaron (0,34%).
A nivel sectorial, o paro baixa en todos os sectores, sendo o descenso máis acusado na industria e nos servizos. No que ten que ver coa afiliación á Seguridade Social, as persoas afiliadas medraron un 0,31%, atinxindo 3197 máis que no mes de xullo, o que sitúa o número total en 1.039.279.
A medra da precariedade evidénciase no feito de que dos 80.231 contratos rexistrados en agosto, unicamente o 7,6% foi baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Neste período a contratación temporal medrou un 25%.”
Reformas laborais
En consecuencia, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, denuncia que “a clase traballadora do noso país segue a padecer a continuidade das políticas derivadas das reformas laborais do PSOE e do PP, que continúan a provocar unha precariedade absoluta na contratación, até o punto de que máis do 92% dos contratos rexistrados neste mes de agosto foron temporais”.
Cartelle fai especial fincapé en que as mulleres son as máis afectadas por esta precariedade laboral, “tal e como vimos denunciando”, e este mes de agosto non foi unha excepción, xa que a pesar do leve descenso da taxa de paro o desemprego feminino incrementouse un 0,3%.
“Seguimos a sufrir tamén a incompetencia do PP á fronte da Xunta, que continúa a amosarse incapaz de defender os nosos sectores produtivos e o noso tecido empresarial, e polo tanto de xerar emprego de calidade”, sinalou.
Por iso o responsábel sindical non entende “o triunfalismo do Goberno español”, que está a cualificar de históricos os datos do paro rexistrado en agosto, “cando se constatan unha vez máis os efectos perversos das reformas laborais sobre o mundo do traballo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario