30 de set. de 2021

A GUARDA

“Un home con lentes de pasta”, unha comedia negra para abrir a tempada teatral no Centro Cultural  

Un total de 5 propostas culturais entre outubro e decembro e que terán lugar no Centro Cultural con inscrición previa.  




Infogauda / A Guarda

 O equipo de goberno do Concello de A Guarda fixo público no día de hoxe, que o vindeiro 9 de outubro chega ata a Guarda á peza teatral “Un home con lentes de pasta”, unha comedia negra que versa sobre as relacións humanas, a presión das conviccións sociais, da necesidade de contar historias, de escoitalas e de formar parte delas.  Todo iso da man de múltiples influencias e mestura de xéneros que xogan entre a comedia, o absurdo, o suspense,..., resultando ao fin un espectáculo xenuíno e divertido pero cunha segunda capa de profundidade sobre a constante necesidade de parecer, e non tan só de ser.  

 A peza orixinal, escrita por Jordi Casanovas, foi estreada en Barcelona no 2010, acadando o premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out no 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011. Tras este percorrido e 10 anos despois, Redrum Teatro adaptou a peza para iniciar unha xira polos teatros galegos, poñendo a Alex Sampaio na dirección e na escena a actores ben coñecidos polo público galego como Sheyla Fariña (Acacias 38 ou Serramoura), Fernando González (Valeria), Guillermo Carbajo (Noiteboa, Contos do Recreo, Pratos Combinados) e Laura Míguez (María Solinha)  

 A función representarase na Guarda o sábado 9 de outubro ás 20:00h. Como ven sendo habitual é obrigado formalizar a reserva previa a través da seguinte ligazón:  

https://www.eventbrite.es/e/181675585567.  


PROGRAMACIÓN CULTURAL DE OUTONO  




 Esta comedia - “Un home con lentes de pasta” -, é a primeira das propostas teatrais que compoñen a programación de Outono 2021 (para público adulto), que se caracteriza nesta ocasión pola variedade de xéneros e propostas. Así no mes de novembro, o día 19, a obra “Illas Desertas” da compañía tudense Artesa&Cía, romperá as conviccións do teatro cunha obra interactiva, moi contemporánea, con moito peso das novas tecnoloxías, que sen dúbida sorprenderá ao público guardés. E no mes de decembro, o venres 10, unha proposta de teatro musical que nos trasladará ao mundo das cupletistas, do cabaré e da Galicia urbana de 1921 coa obra “O Candil. Un musical galego”, da compañía coruñesa Escola Galega de Teatro Musical,  

 Mais non só o teatro  encherá o Centro Cultural, xa que tamén se unen propostas que nos achegan a poesía, a nosa literatura e a vangarda cultural. Tal é o caso do espectáculo “Entre o Caravel e a Rosa” que mañá venres, 1 de outubro, se representa no Salón de Actos do Centro Cultural e que indaga na figura e obra de Emilia Pardo Bazán. Ou a proposta “Algo que levar a boca” (22 de outubro), que resucita ao Colectivo Rompente que con Antón Reixa á cabeza buscaba nos anos 70 e 80 novos modos de vangarda cultural innovando coa poesía, a imaxe a música. Sen dúbida unha proposta interesante para rescatar cara o presente eses momentos de procura de novos formatos que se dera moitísimo no tempo da Transición.  

1/10: Entre o Caravel e a Rosa. Ás 20:30h no Centro Cultural. 

9/10: Un home con lentes de pasta. Ás 20:00h no Centro Cultural. 

22/10: Rompente: Algo que levar á boca. Ás 21:00h no Centro Cultural. 

19/11: Illas desertas. Ás 21:00h no Centro Cultural. 

10/12: O Candil. Ás 21:00h no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario