8 de xul. de 2021

A GUARDA

O BNG INICIA NA GUARDA A CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS CONTRA A SUBA DA FACTURA DA LUZ 

Anxo Lois Baz (voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda): “No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”


Anxo Lois Baz Vicente e Xosé Manuel Méndez Díaz, concelleiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, recollendo sinaturas contra a suba do prezo da enerxía eléctrica, na Praza de Avelino Vicente

Infogauda / A Guarda

 O BNG iniciou na Guarda a campaña de recollida de sinaturas “contra a subida da factura da luz, polas graves consecuencias que ten sobre as familias e sobre as pequenas e medianas empresas en plena crise.” 

 “No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”, salientou o portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, que participou na primeira recollida de sinaturas xunto con outros  militantes do BNG. 

 “Unha subida da luz que no caso concreto de Galiza é escandalosa, porque somos grandes produtores de electricidade pero non temos ningún beneficio desa riqueza e todo iso mentres se prepara unha invasión eólica a favor do lobby eléctrico sen que este País teña ningunha compensación”, denunciou Anxo Lois Baz, que a súa vez afirma que “temos dereito a unha tarifa da luz máis baixa por ser produtores e temos dereito a que se poña fin ao espolio enerxético que soportamos”. 

 O portavoz municipal do BNG no concello guardés lembra que “Galiza leva décadas soportando os custes ambientais e sociais pero cada vez paga a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo polo alto prezo da luz.” 

 Neste sentido, argumentou, “rebaixar a factura da luz é o maior incentivo fiscal que podemos ter para que se instalen empresas no País e haxa oportunidades en Galiza. Con esta campaña de recollida de sinaturas, o BNG vai facer da defensa do dereito dos galegos e das galegas a ter un prezo da luz máis baixo.

 Finalmente o voceiro nacionalista afirma: “O que está facendo o Executivo que se proclama o máis progresista da historia é o mesmo que o PP, o mesmo que Feixóo desde a Xunta, gobernar para o sector eléctrico e por iso esta campaña de recollida de sinaturas para plantarlle cara a unha subida que ten consecuencias moi negativas para o conxunto da economía e para as maiorías sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario