8 de xuño de 2021

VIGO

Bombeiros de Vigo denuncian o traslado a unha sede provisional que non cumpre os requisitos  

· O Concello non informou os traballadores do cambio a unhas instalacións sen acondicionar 

 

Bombeiros de Vigo denunciaron esta mañá o traslado do parque de Balaídos ás antigas oficinas da depuradora do Lagares, en Coruxo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Bombeiros de Vigo denunciaron esta mañá o traslado do parque de Balaídos ás antigas oficinas da depuradora do Lagares, en Coruxo, unhas instalacións que non cumpren os requisitos esixidos para este tipo de uso. Dende o colectivo critican que o Goberno local non informase do cambio a unhas dependencias que se atopan sen acondicionar a pesar de que dende o mediodía de hoxe acollen xa o servizo.   

 Delegados de prevención de riscos laborais dos sindicatos con representación nos bombeiros de Vigo presentáronse a primeira hora da mañá nas antigas oficinas da depuradora do Lagares para comprobar que se estaba a facer o traslado de material dende o parque de Balaídos, que dende hoxe mesmo deixa de estar operativo.   

 Alí mesmo compareceron diante dos medios de comunicación para denunciar tanto o traslado como o xeito de facelo: sen ningún tipo de información e a unhas instalacións baleiras, sen mobiliario, sen cociña, sen camas e sen sistema de comunicacións. O parque provisional tampouco está sinalizado e non conta con zona acondicionada para vehículos nin con medidas de tráfico para facilitar a entrada e a saída con seguridade.  

 E o que é máis grave, as instalacións están situadas a carón dunha zona de especial protección ambiental como a desembocadura do río Lagares, e non contan con sistemas para evitar verquidos. “Como bombeiros e como persoas concienciadas co coidado da natureza non podemos permitilo, porque aquí vanse lavar vehículos e materiais altamente tóxicos, sen que exista un sistema para recoller os verquidos, polo que van rematar nas marismas da desembocadura do río, que é unha zona de máxima protección ambiental”, asegura Miguel Uclés, delegado da CIG.   

 Uclés lembrou que precisamente as instalacións foron sufragadas con fondos da Unión Europea para preservar o medio ambiente, “non para ubicar un parque de bombeiros, xa que ademais non reúnen as condicións necesarias para este tipo de uso”. Tamén lamentou que o Concello non informase do cambio nin os sindicatos nin os traballadores/as. “Están a facer todo nun día, con total improvisación e sen preparación de ningún tipo”.  

 Ademais, fixo fincapé en que os responsábeis municipais non contan cos informes preceptivos que xustifiquen o cambio de uso. “Din que é un traslado provisional mentres non se leva o parque á súa ubicación definitiva, pero o mesmo se dixo no seu día co de Balaídos e ao final estivemos 35 anos alí”.   

 Para o representante sindical o que está acontecer é un exemplo máis do “desprezo absoluto” do alcalde polo servizo de bombeiros, como demostra a falta de persoal crónica que padece e que pon en risco tanto a seguridade dos propios traballadores como da veciñanza no seu conxunto. En canto aos motivos do traslado, sinalou a “guerra de egos” entre o rexedor e o presidente do Celta, xa que o baleirado das actuais instalacións de Balaídos tería que ver cos traballos de mellora das gradas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario