As actuacións para adecuar o Pazo Episcopal da Catedral de Tui a usos museísticos poranse en marcha nas vindeiras semanas
O proxecto, no que colaboran a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e a Diocese de Tui-Vigo, está enmarcado no Plan Catedrais no que traballa o Goberno galego para blindar a conservación dos cinco templos catedralicios da Comunidade
A intervención que se licitará proximamente inclúe a mellora da accesibilidade, a rehabilitación das cubertas do claustro e a adaptación do edificio para usos museísticos
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade salientou que os traballos permitirán que esta Catedral continúe sendo "unha das principais iconas do Concello de Tui"
Infogauda / Tui
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Tui, onde está previsto licitar nas próximas semanas unha serie de actuacións para adecuar o Pazo Episcopal a usos museísticos. Trátase dun proxecto no que colaboran a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e a Diocese de Tui-Vigo e que se enmarca no Plan Catedrais no que traballa a Administración autonómica para actuar nos templos catedralicios da Comunidade co horizonte do Xacobeo 2027.
Como explicou o responsable de Cultura, o proxecto é un exemplo de colaboración entre administracións que permitirá actuar tanto no interior como no exterior do Pazo Episcopal mellorando a súa accesibilidade e rehabilitando as cubertas do claustro para adaptar á edificación a novos usos museísticos. Trátase dunha intervención financiada ao abeiro do 1,5% cultural que, no seu conxunto, conta con preto de 600.000€ de orzamento, dos que a Xunta achega 175.000, e que, tal e como engadiu, garantirá que o templo tudense continúe sendo "unha das principais iconas do concello e un punto de referencia para a sociedade e paisaxe urbana de Tui".
Nesta liña, o conselleiro incidiu en que tanto as actuacións que se porán en marcha en Tui, como as que a Administración autonómica impulsa en diferentes puntos da xeografía galega, "requiren que todas as administracións implicadas traballemos xuntas, de xeito planificado, coordinado e sumando vontades e esforzos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario