11 de xuño de 2021

O BAIXO MIÑO

Presentados 25 proxectos á convocatoria de axudas Leader 

· O importe total das subvencións solicitadas  dentro do GDR 14 é de 3,1 millóns de euros 


Fachada principal do inmoble pertencente á Fundación Manuel Benito Portela Vicente, na Campa (Salcidos) A Guarda

        Fachada lateral do inmoble da Fundación Manuel Benito Portela Vicente
Fotos:  GDR 14

Infogauda / O Baixo Miño

 Persoas emprendedoras, empresas, comunidades de montes, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais do territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14), ao que pertencen os concellos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui, presentaron 25 proxectos á convocatoria de axudas da submedida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014 - 2020 para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento. 

 Entre as solicitudes rexistradas atópanse 14 proxectos produtivos, entre os que se atopan proxectos de melloras en produción primaria e transformación de produtos agrarios, así como proxectos de creación, ampliación e mellora de empresas no territorio e a posta en marcha de estabelecementos turísticos e servizos asistenciais para persoas dependentes. No apartado de non produtivos promovidos por entidades privadas, foron 7 as solicitudes e os non produtivos impulsados por algún dos concellos que forman parte do ámbito territorial da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural foron 4, pertencentes aos concellos de A Guarda, Gondomar, Tui e Nigrán.  

O importe total das axudas solicitadas é de 3,1 millóns de euros

 As iniciativas non produtivas privadas presentadas abranguen diferentes ámbitos, dende a creación dunha escola de música, á adquisición de equipamentos e medios de transporte adaptado ou a posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural. 

 O obxectivo principal desta liña de axudas é colaborar na transformación do rural, fomentar o seu dinamismo, mellorar as condicións para manter ou xerar emprego no ámbito rural, dotar de servizos á poboación destas zonas e favorecer a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social. Ademais, busca promover a sostibilidade da actividade rural a través da correcta xestión dos recursos naturais e potenciar a gobernanza local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario