4 de maio de 2021

PONTEVEDRA

A subdelegada confirma a colaboración da Policía Nacional de Vigo e Pontevedra coa campaña de vacinación masiva organizada pola Xunta de Galicia 

A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 1.257 controis na provincia durante os  últimos cinco días 

· A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de  Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance das accións de  control e prevención levadas a cabo polas Forzas e Corpos de  Seguridade na provincia. 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro  de Coordinación (CECOR) provincial 

Foto: S.do G.


Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro  de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos  dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro  asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón  Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan  José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector  xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo,  Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería  de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro. 

 Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das  actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o  cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 29 abril ao 3 de maio, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía  Adscrita levaron a cabo 1.257 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.264 axentes, se identificaron a 4.241 persoas, se  controlaron 2.770 vehículos e se elevaron 43 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 999 inspeccións en  establecementos hostaleiros da provincia, nos que interpuxeron 30 sancións. 

 No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos cinco días 1.117 controis nos que participaron 837 efectivos. Nestes operativos 3.489 persoas foron identificadas, 2.530 vehículos foron controlados e 8 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou  840 controis e interpuxo 23 sancións. 

 Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 85 controis na provincia que  contaron coa participación de 324 axentes. Nestes dispositivos foron  identificadas un total de 672 persoas e 240 vehículos e se elevaron 26 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 37 controis e  interpuxo 7 sancións. 

 Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 55 dispositivos  nos que identificou a 80 persoas e interpuxo 9 propostas de sanción. Nestes  dispositivos participaron 103 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría,  este corpo levou a cabo 122 inspeccións en establecementos nos que non  interpuxo ningunha denuncia. 

 A subdelegada do Goberno salientou que “os datos amosan o alto grao de  responsabilidade da cidadanía da provincia, a pesar de que se rexistra un  pequeno aumento dos incumprimentos no ámbito da hostalaría”. Larriba  lembrou a importancia de cumprir coas medidas de seguridade en todo  momento para evitar que as cifras de contaxios continúen incrementándose.  

 Así mesmo, a subdelegada tamén confirmou a colaboración da Policía Nacional  co goberno autonómico no marco da campaña de vacinación contra a COVID-19. Neste sentido, Larriba anunciou que axentes da Policía Nacional de Vigo e  Pontevedra estarán presentes nos puntos de vacinación da Xunta de Galicia  situados nos recintos feirais de ambas cidades. A subdelegada avanzou que  “de cara a fin de semana agárdase unha gran afluencia de xente e a Policía  Nacional estará presente para velar pola seguridade cidadá e o cumprimento  das medidas sanitarias”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario