19 de maio de 2021

DEPORTES

O alcalde e a concelleira de Deportes de A Guarda, recibiron ás xogadoras do Club Balonmán Atlético Guardés, subcampioas da Liga Guerreras Iberdrola    

O Salón de plenos foi o lugar elixido para dar os parabéns polo logro deportivo acadado nesta tempada e desexar sorte ás xogadoras, equipo técnico e directiva na  Copa da Raíña 


O alcalde e a concelleira de Deportes, coas xogadoras, técnicos e directicos do Club Balonmán Atlético Guardés, na recepción celebrada hoxe na Casa do Concello de A Guarda

Fotos: C.A.G.
   

 Infogauda / A Guarda

 Este mércores día 19 de maio o Salón de Plenos do Concello de A Guarda acolleu a recepción oficial ás xogadoras, equipo técnico e directiva do Club Balonmán Atlético Guardés, acto que estivo presidido polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e que tamén contou coa participación da concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez. 

 Para Antonio Lomba acadar o subcampionato de liga é un logro histórico para “o noso equipo” e é preciso que o Concello de A Guarda así o transmita ao club e aos veciños e veciñas da vila, neste momento intenso de competición por estar ás portas da fase final da Copa da Raíña. 


Antonio Lomba e Mª Montserrat Magallames nun momento da recepción as xogadoras, técnicos e directivos do Club Balonmán Atlético Guardés

 Asemade, para o alcalde ter na Guarda un grupo de deportistas de elite que serven de referente para a xente xove é un dos desexos de toda persoa preocupada pola xuventude e o deporte. O rexedor municipal salientou que despois dunha tempada atípica por mor da pandemia da covid-19, o “xogador” que é a afección, soubo apreciar o traballo realizado polo club. Rematou a súa intervención felicitando o logro do subcampionato de Liga e desexando moita sorte na copa da Raíña. 






 Pola súa banda, Mª Montserrat Magallanes destacou que dende fai xa moitos meses desexábase facer esta recepción, pero a pandemia non deixou cabida para facelo, e neste intre o Atlético Guardés soubo trasladar “un sentimento”, que foi tamén o lema elixido polo club nesta tempada, cunha alegría que se traslada tamén á afección guardesa. 

 O acto rematou cunha entrega de agasallos ao club, xogadoras, equipo técnico e directiva, así coma un agasallo do club ao alcalde e á concelleira de Deportes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario