20 de maio de 2021

A GUARDA

O VOLANTEIRO "PIUEIRO" XA RETORNOU AO PORTO GUARDÉS


O volanteiro "Piueiro" cruzando a bocana do porto de A Guarda
Fotos: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo da invernar no porto deportivo da vella Erizana, na tarde deste xoves día 20 de maio de 2021, o volanteiro "Piueiro", tripulado por unha ducia de veteranos mariñeiros guardeses, retornou ao porto da Guarda. 

 O barco, pertencente a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entrou airoso, a toda vela, na badía guardesa,  ofrecendo un espectáculo digno de ver, que foi oportunamente documentado polo fotógrafo Santiago Baz Lomba, habitual colaborador de Infogauda.





 Desde hoxe, o volanteiro "Piueiro", será o protagonista náutico do que resta de primavera e tamén do vindeiro verán. Porque como xa temos dito, e non nos cansaremos de reiteralo, é toda unha honra que A Guarda, por iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, e coa colaboura de moitas entidades públicas e privadas, e tamén de particulares, haxa logrado recuperar unha embarcación que ainda sen desaparecer totalmente da memoria dos nosos maiores, xa estaba tan soio no imaxinario popular, grazas ás imaxes fotográficas que inmortalizaron eses barcos impulsados a remo e a vela, que ao longo de moitos anos constituíron unha importante flota pesqueira. Máis aquela flota foi desaparecendo, porque a tecnoloxía pesqueira mudou, e a propulsión deixou de ser a que fora, para entrar de cheo na motorización.

 En calquer caso, ao igual que Póvoa de Varzim, que en boa hora recuperou súa Lancha Poveira do Alto, materializada na "Fé em Deus", A Guarda tivo o acerto de recuperar o volanteiro guardés, que ten moita semellanza co barco poveiro. Mesmo poderíamos decir sen temor a errar, que son embarcacións irmás. E sabemos que algún día non moi lonxano, o "Piueiro" porá rumbo ao sur, en vibrante singradura cara a fraterna cidade poveira.

 Agárdannos días luminosos, vento nas velas, e novas e engaiolantes singraduras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario