27 de abr. de 2021

VIGO

Denuncian os intentos do Concello de Vigo de boicotear unha asemblea do seu persoal para abordar a privatización dos servizos públicos 

· A CIG cualifica o acontecido de “manobra antidemocrática” e pide respecto para un dereito fundamental como o de liberdade sindical 

Infogauda / Vigo

 O comité de persoal do Concello de Vigo denuncia os intentos do Goberno local de boicotear a asemblea de traballadores/as prevista para este mércores día 28 co obxectivo de abordar a falta de diálogo cos responsábeis municipais a privatización e precarización dos servizos públicos. A Unión Comarcal da CIG cualifica o acontecido de “manobra antidemocrática” e pide respecto para un dereito fundamental como o de liberdade sindical. 

 Dende a representación dos traballadores/as explican que, tal e como recolle o Acordo Regulador do persoal municipal e de igual xeito que se vén facendo dende hai anos, solicitaron a realización da asemblea mediante un escrito remitido vía xestión de expedientes o pasado venres 23 de abril polo vicepresidente do comité, “que asumiu esta función en virtude do que estabelece o artigo 6 do Regulamento do Comité, que indica que entre as funcións do vicepresidente están as funcións que acorde co presidente”. 

 No día de onte, 26 de abril, a representación sindical recibiu, tamén vía xestión de expedientes, un escrito da nova concelleira de Persoal “solicitando unha suposta emenda de documentación, indicando que o escrito non tiña sinatura, non se acreditaba a suplencia e que non se presentou por Rexistro Electrónico”. 

 Pero o comité entende que o dereito colectivo do persoal do Concello a reunirse coa representación sindical non segue o dereito administrativo senón o dereito fundamental de liberdade sindical, “polo que temos que entender autorizada a asemblea, xa que non nos consta denegación expresa e motivada por parte da Alcaldía ao faltar menos de 24 horas para a súa celebración, tal e como indica o artigo 60 do Acordo Regulador”. Por iso animan a todo o persoal a acudir á asemblea “para demostrarlle ao Goberno municipal que as ameazas de boicot non nos amedrentan”. 

Manobra antidemocrática 

 Dende a Unión Comarcal da CIG de Vigo cualifican o acontecido de “manobra antidemocrática” e instan o Concello a respectar un dereito fundamental como o de liberdade sindical. “Esta central sindical non vai consentir que se vulneren dereitos fundamentais dos traballadores/as, como sucedeu en anteriores ocasións cando tivemos que recorrer á xustiza para garantir o dereito dos bombeiros á folga e para botar abaixo uns servizos mínimos abusivos”. 

 Lembran que é a primeira vez que en democracia un Goberno local vigués pon trabas á celebración dunha asemblea de traballadores/as e agardan que o encontro entre o persoal municipal e os seus representantes sindicais se celebre con total normalidade a pesar dos intentos de boicot por parte dos responsábeis municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario