27 de abr. de 2021

ECONOMÍA

A CIG de Vigo denuncia que o PP insiste na súa ofensiva contra o sector naval 

Rexeita que a Autoridade Portuaria vaia votar unha proposta para retirarlle a concesión a Vulcano 


Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo denuncia que o PP sigue a insistir na súa ofensiva contra sector naval, “como demostra o feito de que na orde do día do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) que se celebra este venres se inclúe a proposta de acordo para incoar un expediente de extinción da concesión administrativa do estaleiro Vulcano”.

 Dende a central sindical opóñense frontalmente a esta decisión, xa que suporá impedir o desenvolvemento dun novo proxecto industrial impulsado pola empresa Marina Meridional e constitúe o primeiro paso para desmantelar o estaleiro e destinar a concesión a usos loxísticos. 

 “Na estratexia suicida que promove a política industrial do PP queren substituír un estaleiro centenario, que ten sido un dos principais puntais dun sector estratéxico para Vigo e para toda Galiza, como é a construción e reparación naval, para gañar uns poucos metros máis de superficie para contedores”, censura o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves. 

 Por iso quere deixar moi claro que “a CIG non vai permitir que acaben afundindo o naval”, polo que anuncia que a central sindical vai reclamar a retirada deste punto da orde do día do consello de administración da APV, ao tempo que esixirá un compromiso “firme e inquebrantábel” coa continuidade do estaleiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario