GRANDE PARTICIPACIÓN E CALIDADE NO CONCURSO FOTOGRÁFICO XUVENIL DO MUSEO ‘PEGADAS DO MAR E DA TERRA’ VENCELLADO Á EXPOSICIÓN DE JOSÉ SUÁREZ
· Hoxe falláronse os premios entre 80 estudantes de ESO e Bacharelato e os galardóns entregaranse este sábado
· As mellores fotos foron de alumnado de Tui, Sanxenxo e Catoira
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra resolveu hoxe o concurso fotográfico xuvenil dirixido a mozas e mozos de ESO ou Bacharelato ‘Pegadas do mar e da terra’, baseado na exposición de José Suárez. A participación foi todo un éxito xa que inscribíronse un total de 80 estudantes procedentes de 14 centros (13 da provincia de Pontevedra e 1 de Lugo), concretamente de Catoira, Marín, Cangas, Soutomaior, Sanxenxo, Vilaboa, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vigo e Tui.
O xurado estivo formado por técnicos dos departamentos de Educación, Comunicación e Arquivo gráfico do Museo que decidiron, debido a alta participación rexistrada na categoría destinada a estudantes de ESO e a calidade das imaxes presentadas, entregar outro premio nesa categoría en vez de un só, como estaba estipulado nas bases.
Os premios do certame recaeron na sección de Bacharelato para Aroa Pérez Cabaleiro, do IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), pola fotografía ‘Alimentando na ribeira’; e na sección da ESO (apartado Mar) en Cecilia González Padín, do IES Sanxenxo, pola imaxe ‘Redes viuvas’, e no apartado Terra en Evelyn Freiría Conde, do CPI Progreso (Catoira), por ‘A estreita relación entre as persoas e os animais’, e en Daniela González Isorna, do CPI Progreso (Catoira), por ‘Presente atemporal’.
Todas as fotografías participantes exporanse desde mañá nunha pantalla no edificio Castelao e tamén na páxina web do museo. Os agasallos –que se entregarán este sábado nun acto co director do Museo Xosé Manuel Rey- consistirán en cámaras fotográficas Canon IXUS 185 e Fuji Intax Mini 11.
Hai que lembrar que este certame fotográfico xurdiu como unha actividade complementaria á mostra ‘José Suárez 1902-1974’, un creador que inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso debían ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario