ANA ABAD DE LARRIVA: “HAI QUE POÑER LUZ NAS HISTORIAS DE MEMORIA HISTÓRICA QUE FORMAN PARTE DO QUE SOMOS AGORA”
· A dramaturga recibiu hoxe da man da deputada María Ortega o premio do I Certame de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
“É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica, que forman parte da historia de Galiza, do noso común, do que somos agora”. Así o manifestou a dramaturga Ana Abad de Larriva, gañadora do premio do I Certame de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).
A peza gañadora foi ‘Un biolo na noite’, escollida entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o “excelente” tratamento lingüístico. Está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago (Brasil, 1896 - Pintán (Salcidos) A Guarda, 10 de xaneiro de 1940), o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista - e durante catro anos - viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, figura que se pon en valor por percorrer os montes para irlle buscar as menciñas ao fillo e vender roscas na feira para poder mantelo.
Ana Abad de Larriva agradeceu á Deputación a creación de certames como o do Microteatro da Memoria pola posibilidade de visibilizar e poñer na luz historias como a de María, “que están no cotiá e que coa súa pequena gran achega abriron moita luz no medio da escuridade”, subliñou. Agradeceu tamén á deputada de Memoria Histórica María Ortega a súa aposta polo teatro como ferramenta para chegar á xente porque “as artes escénicas son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas”.
Pola súa parte, a deputada María Ortega subliñou que o certame de Microteatro naceu dentro do proxecto ‘O Pasado Por Vir’ como unha necesidade de buscar outros estilos de comunicación e linguaxes para achegar a temática da memoria histórica sobre todo á xente máis nova. Destacou que é preciso “recuperar as ideas da Galiza de antes do golpe, a súa potencialidade, e o que ese golpe e parálise e dor representou para milleiros de galegos e galegas e que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias”.
Ortega salientou que Abad de Larriva, como persoa nova cunha percepción da realidade e linguaxe propia, foi quen de plasmar “os eixos que persegue o departamento de Memoria Histórica da Deputación de ter en conta a perspectiva de clase, de país e de xénero” nun relato curto e ameno na súa lectura. Destacou que a obra Ana logrou expresar a realidade de moitas das mulleres galegas que viviron en anos moi escursos “tamén dende o punto de vista das persoas do común, do noso pobo”. “Non podo máis que parabenizar a Ana polo seu traballo e agradecer á ESAD o seu compromiso coa memoria por poñer en valor a actual e antigo alumnado”, finalizou.
Texto fermoso, delicado e comprometido
A vicedirectora da ESAD Cristina Domínguez Dapena cualificou o texto de Abad de Larriva de “fermoso, delicado e comprometido”. Subliñou que “se trata dunha pequena peza chea de emoción “que recomendo ler” e que é un orgullo para a ESAD que sexa unha ex alumna a que teña “esa capacidade técnica e dramática de plasmar a traxedia sufrida por mulleres e homes na guerra civil e na posterior represión. En verdade é un traballo emocionante que chega ao corazón”.
Domínguez aproveitou tamén para dar as grazas á Deputación polo compromiso coa mocidade que está a crear e que está mellorando técnicamente a escena galega, e polo compromiso tamén coa ESAD. “Nós precisamos ese apoio e penso que a Deputación tamén precisa esa parte técnica para impulsar proxectos escénicos e que teñen que ver coa cultura do país. Agardamos que un proxecto coma este continúe unhas cantas tempadas máis porque fan falta certames coma este que se convirtan en aliciente para a xente nova, para poder chegar a crear con dignidade”, finalizou.
Pola súa banda, a responsable do departamento de Normalización Lingüística da ESAD, Irene Moreira, subliñou a boa acollida deste entre as e os participantes e incidiu en que ‘Un biolo na noite’ fala do “subversivos que son os actos cotiás das mulleres que no golpe militar axudaron a levar a dor que iso provocou”. Salientou o tratamento técnico e dramatúrxico con diálogos brillantes e un moi bo reflexo da atmosfera, “ese monte que é tan noso e que acompañou a ese proceso tan doloroso”. “Que sigamos tendo máis certames e reivindicando dende todas as facetas da arte a memoria de país”, pechou súa intervención.
Ana Abad de Larriva recibe polo premio de Microteatro 500 euros en metálico e o correspondente diploma acreditativo, que hoxe se completaron coa entrega dun agasallo consistente nunha pluma estilográfica e un caderno de coiro cos datos do certame e o seu nome gravado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario